Redegal aumenta a súa facturación nun 44%
luns, 16 de outubro do 2017- Jorge Vázquez, CEO de Redegal, nunha imaxe de Guille Dacal
A firma galega Redegal,
centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e
mercadotecnia en liña, vén de facer reconto da actividade xerada na
primeira metade de ano. Os datos achegados semella que non poden ser
máis positivos, o que confirma o afianzamento da empresa na nosa
terra e máis en mercados externos, complementando este proceso de
fortalecemento cunha apertura cara a novos sectores. En termos
concretos, Redegal foi quen de pechar o primeiro semestre de 2017
crecendo en facturación un 44% sobre o mesmo período do ano
anterior.
Lembrar que Redegal
pechou 2016 cunha facturación de 2,5 millóns de euros en España e
3,4 millóns a nivel global, o que supuña un crecemento do 26%
respecto ao 2014 e unha mellora no EBITDA (acrónimo de Earning
Before Interest, Taxes, Depreciation and Amortization) do 40%.
Esta mellora, segundo sinala a firma galega, debeuse a un incremento
en facturación, á reestruturación de custos da empresa e ao
rendemento dos investimentos executados en anos anteriores.
O devandito completouse
coa incorporación este ano de novos e relevantes socios procedentes
dos sectores da moda, a saúde e as telecomunicacións (socios
integrados no IBEX 35). Respecto das principais liñas de actividade
de 2017, unha das máis destacábeis para Redegal foi a do
desenvolvemento de aplicacións móbiles para sistemas iOS eAndroid,
“a liña de negocio que máis crecemento está a experimentar”.
Ademais, ao abeiro do
mercado internacional, Redegal consolidouse entre as 10 primeiras
axencias de México no seu sector e prevese que un 10% da facturación
proceda de Estados Unidos, onde Redegal vive o seu primeiro
ano de andaina, cando, en palabras da firma galega, “o prognóstico
inicial era dun 5% no escenario máis optimista”.
En palabras de Jorge
Vázquez, director executivo de Redegal, “o medre que experimentou
a compañía foi moi satisfactorio, tendo en conta que se afianzou en
plena recesión económica”. Ademais, engade, “no último ano
efectuouse investimento en empresas estratéxicas para achegar valor
ao grupo e polo tanto aos seus clientes, tanto en México como en
España”.
Todo isto, a maiores,
viuse complementado cun proceso análogo no que a equipa profesional
se refire. De feito, a cifra de empregados de Redegal incrementouse
nun 25% respecto de 2016, a maioría deles procedentes de Galicia, o
que certifica a aposta da compañía polo talento da nosa terra e por
profesionais “con longa traxectoria no sector para reforzar a base
da empresa e solidificar o seu crecemento, facendo unidades negocio
sólidas, independentes e á vez colaborativas entre si”, engade
Jorge Vázquez, que apunta que a finais de ano a firma ten programada
a apertura dunha nova sede na Coruña.
Por certo que a previsión
da empresa para o peche deste 2017 é facelo cunha facturación de 5
millóns de euros a nivel grupo, o que supón un incremento de case o
50% sobre o ano anterior.