Redegal e Elogia, recoñecidas nos eAwards de México

xoves, 15 de marzo do 2018 Redacción

JPEG - 541.1 KB
Parte do equipo mexicano de Redegal recibindo o galardón

Redegal e Elogia estiveron os días pasados no punto de mira dos premios eAwards de México. En primeiro lugar, a firma galega Redegal, con sede principal en Ourense e especializada en servizos de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña, foi recoñecida nos ditos premios como Mellor Axencia Dixital Social Media. Segundo fixeron saber os impulsores destes galardóns, entregados en México DF (no WTC), a firma galega recibiu a devandita distinción pola súa xestión eficaz na presenza en liña en redes sociais dos seus clientes.
O xurado valoraba aspectos como o alcance das estratexias, a interacción cos seareiros, a reputación en liña, o retorno publicitario nas diferentes redes sociais e a participación da firma avaliada en cada unha das fases que compoñen unha acción de marketing nas redes sociais: planificación, xestión, análise e optimización.
Redegal lémbranos que estes premios convócanse anualmente e entréganse aos mellores negocios en liña, ou sexa, a empresas con presenza destacada no mundo dixital, así como axencias que traballan neste sector.
Enmarcada dentro da feira eShow México 2018, a cerimonia congregou a grandes personalidades do mundo da publicidade e mercadotecnia dixital do país. Respecto da valoración feita pola firma galega a conto deste galardón, Redegal considera que “con este premio, o sector dixital mexicano referenda o bo momento de Redegal no país e o premio convértese nun novo recoñecemento ao labor desta axencia formada por máis de 100 profesionais”.
Ao fío deste proceso de crecemento, a empresa de raizame galega tamén anuncia que nos vindeiros meses abrirá nova sede en Coruña co obxectivo de “apostar polo talento local e atender de maneira máis próxima aos actuais clientes estratéxicos da zona”.

JPEG - 219.1 KB
Pedro Abad recollendo a distinción a Elogia

Elogia
Pola súa banda, Elogia, empresa con fondas raizames galegas, resultou premiada como Mellor Axencia de Captación de Tráfico. A axencia, experta en digital commerce marketing, volveu alzarse como unha das gañadoras logo da distinción de 2014 neste mesmo certame, cando foi recoñecida polos seus resultados con empresas como Volvo, Burger King, Avon, Pedidos.com ou Sección Amarilla.
Pedro Abad, director executivo en México de Elogia, expresou a súa emoción de obter este galardón: “Gañar este premio é un orgullo, pero sobre todo un recoñecemento ao traballo ben feito. Nos últimos 15 anos que estivemos presentes en México vimos como madurou o mercado e como evolucionaron as campañas de tráfico ata o día de hoxe”.

PUBLICIDADE