Redegal é xa a principal axencia dixital en México

venres, 8 de xullo do 2016 Redacción

A equipa profesional de Redegal na sede de Ourense

Redegal, axencia galega de mercadotecnia dixital e servizos de comercio electrónico, vén de facer reconto dos éxitos e recoñecementos obtidos ao longo de 2015, aos que cómpre sumar (este ano) a distinción nos premios eAwards México 2016, da que falamos en Código Cero hai precisamente unhas semanas. Segundo nos lembra a firma galega, en 2015 non só foi premiada por Google como a mellor empresa do ámbito estatal en materia de retorno de investimento publicitario, senón que tamén obtivo un importante recoñecemento da Federación Galega de Empresarios Novos (AJE Galicia), que outorgou a Jorge Vázquez, director executivo de Redegal, o premio a Novo Empresario Galego 2015. En materia de números e crecemento, a axencia incrementou a súa facturación un 70% e aumentou o seu cadro de persoal nun 15% (superou os 2,7 millóns de euros en facturación). Foi quen de situarse, ademais, como a principal axencia dixital en México.
A través da súa sede principal en Ourense, a axencia pechou o primeiro semestre do ano medrando un 20% respecto ao mesmo semestre de 2015, o que emprazou as expectativas de crecemento nun 30% anual.
Como dixemos, entre 2015 e 2016 Redegal aumentou o seu persoal nun 15% e a previsión é aumentar un 30% a contratación de persoal durante os vindeiros dous anos.

Jorge Vázquez, CEO e fundador de Redegal, nunha imaxe publicada en La Región

Segundo informan fontes da axencia, “co reforzo das áreas de márketing dixital e mobile, Redegal converteuse nunha das poucas axencias no mercado que ofrece unha solución integral en comercio electrónico, acadando unha recoñecida carteira de clientes, entre os que cómpre salientar as principais firmas de retail de España e México”. Jorge Vázquez, fundador e director executivo de Redegal sinala a este respecto que “o sector ecommerce está a iniciar un proceso de afianzamento e é por iso que estamos a aproveitar a nosa solidez financeira para xogar un papel relevante nesta nova contorna dentro da industria dixital”.
Segundo fai saber a empresa, Redegal foi quen de situarse (“en tan só dous anos”) como “a principal axencia dixital en México” e agarda seguir o mesmo ronsel en Colombia, onde está presente desde principios de ano.
Entre os obxectivos que se fixa a empresa, están os de “apostar polo proceso de internacionalización e abrir novas liñas de negocio en dixital para reforzar a oferta, para o que fará investimentos internos e externos. A axencia ten previsto, a final de ano, abrir unha nova oficina en Estados Unidos e en 2017 o obxectivo é a entrada no mercado do norte de Europa, así como ampliar a presenza en América Latina a través da apertura de novas filiais en Panamá e Perú.

PUBLICIDADE