Redegal, premiada con tres indicadores Ardán

mércores, 30 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa tecnolóxica Redegal atópase entre as mellores posicionadas nos diferentes parámetros tidos en conta polo Informe Ardán, a referencial investigación económica e de competitividade actualizada cada ano polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. O informe, un xeito básico de coñecer os nomes das empresas máis rendíbeis, puxantes e innovadoras da nosa terra, recoñeceu a Redegal nos indicadores Ardán de Gacela, Empresa Global e Empresa Innovadora 2019. Dito doutro xeito: a empresa galega TIC foi distinguida polo seu proceso de internacionalización, pola súa aposta pola I+D e pola súa taxa de crecemento.
Os devanditos indicadores sitúan a Redegal nun posto privilexiado: ocupando o recanto das empresas galegas que acadan os criterios para obter algúns destes distintivos (o 6% das firmas da nosa terra).
O recoñecemento Empresa Global veu dado por presentar Redegal valores elevados en magnitudes directamente relacionadas co proceso de internacionalización, tales como clientes estranxeiros, número de países aos que exporta, volume de exportacións fóra da UE, establecementos no exterior e persoal dedicado a tarefas de internacionalización.
O distintivo Empresa Gacela veu motivado por “unha taxa de medre elevada e constante na cifra de ingresos, por riba do 25% durante 3 anos consecutivos”.
A cualificación de Empresa Innovadora foi dada por “presentar altos niveis en desempeño innovador medido a través de indicadores como o esforzo en I+D interna, a capacitación en I+D+i, a tecnoloxía en procesos, a produtividade laboral ou o retorno da I+D+i.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo desenvolve (a través do sistema de información empresarial Ardán), esta liña de indicadores que enxalza e visualiza aquelas empresas que son referenciais na súa actividade e “resolven de forma sobresaliente aspectos relacionados coa xestión empresarial”.

PUBLICIDADE