Reebok sobe ao carro das lentes conectadas

martes, 29 de abril do 2025 Marcus Fernández

Innovative Eyewear Inc., desenvolvedora de lentes conectadas baixo as marcas Lucyd, Nautica, Eddie Bauer e Reebok, vén de anunciar o lanzamento global das novas Reebok Smart Eyewear, xa dispoñibles a través do sitio web Lucyd, prevéndose que nas vindeiras semanas estean tamén dispoñibles a través da tenda en liña de Reebok e noutros establecementos tanto físicos como virtuais.
A nova liña de lentes Reebok Powered by Lucyd sitúa a Innovative Eyewear como unha das empresas líderes nesta transición desde as lentes tradicionais a solucións conectadas e con control por voz. Estas lentes deportivas integran altofalantes de alta fidelidade, amplificadores potentes e ecualizadores personalizados para actividades ao aire libre, ofrecendo unha calidade sonora excepcional sen perder a percepción do entorno, algo fundamental para deportistas e peóns en contornas urbanas.
Segundo Harrison Gross, director xeral de Innovative Eyewear, «este lanzamento representa un punto de inflexión para todo o sector das lentes conectadas. Estamos a liderar a categoría das lentes deportivas con integración de IA, mellorando o rendemento atlético e cumprindo a nosa misión de dotar de funcións intelixentes todo tipo de lentes: de sol, ópticas, deportivas e de seguridade».
Esta nova colección de lentes deportivas chegan ao mercado inicialmente en catro modelos cun prezo de 177,95 euros. Estas lentes poden conectarse ao smartphone (mediante Bluetooth 5.3) para poder escoitar música con grande calidade sen illarse do contorno, realizar chamadas de voz (os micrófonos integran tecnoloxía de cancelación de ruído) e incluso son compatibles cos asistentes de voz que empreguemos (aos que podemos invocar cun simple toque). Contan cun sistema de carga magnético e a súa autonomía é de ata 8 horas de reprodución musical; son resistentes á suor e á chuvia; e tamén están dispoñibles con lentes polarizadas con protección fronte a radiación ultravioleta.

O exfutbolista británico e analista deportivo Micah Richards é a imaxe da campaña de lanzamento da marca Lucyd

Vídeo co que se anuncia o lanzamento das novas Reebok Smart Eyewear