Reeditan o convenio de axudas para que os estudantes universitarios galegos podan mercar ordenadores portátiles

mércores, 27 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A Consellería de Innovación e Industria asinará un convenio de colaboración coas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para a posta en marcha dunha nova edición do programa Uniporta, que ten por obxecto a axuda aos estudantes universitarios na compra de ordenadores portátiles.
O convenio insírese no marco de colaboración institucional coas entidades académicas, co fin de facilitarlle á comunidade universitaria o acceso aos servizos e contidos da Internet e das Intranet universitarias, dun xeito deslocalizado e flexible, mediante a adquisición por parte dos alumnos de ordenadores portátiles con conectividade sen fíos. Así mesmo, procura o desenvolvemento de actuacións complementarias de apoio ao programa: difusión, sensibilización, promoción, etc.
A iniciativa vai dirixida a calquera estudante matriculado nas universidades públicas galegas, tanto de primeiro, segundo e terceiro ciclo coma dos posgraos oficiais. Así mesmo, están incluídas no programa as escolas adscritas ás universidades dos campus galegos.
O convenio, que terá carácter bianual e será autorizado polo Consello da Xunta mañá xoves, contempla un orzamento de 400.000 euros para 2007 e de 500.000 para 2008, achegados integramente pola Consellaría de Innovación e Industria. A axuda individual será de 200 euros e universal, destinada sen discriminación a todo o alumnado universitario.