Renóvase a icónica unidade de almacenamento externo reforzada da marca LaCie

luns, 15 de setembro do 2025 Redacción

Seagate anuncia a nova unidade de almacenamento externa LaCie Rugged SSD4, pensada para profesionais e afeccionados que precisan traballar con grandes volumes de datos fóra do estudio. O dispositivo, do tamaño da palma da man, alcanza velocidades de ata 4.000 MB/s en lectura e 3.800 MB/s en escritura grazas á súa conexión USB 40 Gbps, o que permite transferencias rápidas e mesmo a edición directa desde a unidade en Mac, iPad, PC, teléfonos móbiles e consolas de videoxogos.
A LaCie Rugged SSD4 destaca pola súa resistencia e por un deseño icónico. Conta con certificación IP54 contra po e auga, soporta caídas de ata 3 metros e unha presión de ata unha tonelada, segundo as probas internas realizadas baixo o estándar militar MIL-STD-810G. O seu recoñecible parachoques laranxa, deseñado por Neil Poulton, dálle un plus de durabilidade para rodaxes en exteriores ou edición en mobilidade.
Con capacidades de ata 4 TB, a unidade resulta ideal para gardar metraxe en RAW, proxectos en ProRes 4K a 120 fps capturados con iPhone vía USB-C, ou arquivos de audio de alta resolución.
Entre o material que inclúe a nova unidade externa atópanse unha tapa de silicona protectora, un cable USB-C (40 Gbps), o software LaCie Toolkit para copia de seguridade e sincronización, unha subscrición de dous meses a Adobe Creative Cloud Pro con acceso a Adobe Firefly e unha garantía limitada de tres anos con Rescue Data Recovery Services para recuperación de datos.
A nova unidade xa está dispoñible nos EE.UU. con prezos de referencia de 134,99 dólares (1 TB), 249,99 dólares (2 TB) e 479,99 dólares (4 TB), chegando ao mercado europeo nos vindeiros días.