Revenidas avanza na súa transformación dixital cun proxecto de IA e análise de datos
mércores, 3 de decembro do 2025
O festival Revenidas SC de Vilaxoán de Arousa vén de un paso decisivo na súa modernización e profesionalización mediante a execución do Servizo de Consultoría en Estratexia do Dato e Aplicación de Intelixencia Artificial, un proxecto que permitiu a organización mellorar a forma na que analiza, interpreta e emprega a información clave para a planificación e desenvolvemento desta importante cita cultural do verán.
Este proxecto realizouse ao abeiro da resolución da convocatoria IG408M-IA360, destinada ao desenvolvemento de tecnoloxías orientadas á mellora da actividade económica e industrial, así como á creación de novos servizos baseados na intelixencia artificial.
O orzamento total desta actuación está co-financiado nun 25% polos fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e nun 75% polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Grazas a esta axuda, Revenidas puido abordar un proxecto tecnolóxico que, pola súa complexidade e especialización, non sería doado afrontar sen esta liña de financiamento público.
O traballo, desenvolvido coa colaboración da empresa Triple Alpha Innovation, permitiu crear unha arquitectura de datos sólida e estruturada, automatizar procesos de recollida e tratamento da información (ETL), desenvolver un modelo de IA capaz de predicir a demanda de entradas e analizar tendencias e aplicar dashboards avanzados en Power BI para mellorar a toma de decisións.
“Todo isto tradúcese nunha organización máis eficiente, unha mellor planificación das edicións futuras e unha capacidade ampliada para entender o comportamento do público que fai posible o Revenidas”, informou a organización do festival.
Este proxecto consolidou a aposta do Revenidas pola innovación e pola mellora continua. “Grazas á incorporación da analítica avanzada e da IA, reforzamos o noso compromiso coa sustentabilidade, a planificación responsable e a procura constante de ofrecer a mellor experiencia posible ás persoas que nos acompañan cada ano”, engadiron.
