Ribeira celebra as Letras Galegas cun programa virtual de actividades

mércores, 13 de maio do 2020 S. P.

Se ben seguen vixentes unhas restricións á actividade presencial que van condicionar este ano o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, tamén é certo que a vida cultural e creativa continúa nas redes e que, en base a isto, os nosos concellos non van deixar pasar a oportunidade de realizar actos conmemorativos na casa multitudinaria e sen fronteiras que é a Rede. É o caso do Concello de Ribeira, que este mércores 13 presentou un programa conmemorativo para festexar, virtualmente, a nosa cultura e máis o legado e as contribucións do autor homenaxeado nesta edición das Letras: Ricardo Carvalho Calero.
O programa ribeirense terá unha orientación participativa e está dirixido ás familias “neste tempo de confinamento e usando redes sociais e televisión”.
Así, a programación estará conformada por dous menús de contos, un a cargo de Raquel Queizás e outro de Charo Pita, ademais da lectura dunha poesía de Carvalho Calero (Evocazón da Infancia Perdida) por parte de quince integrantes do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira e da interpretación do Himno Galego por alumnado e profesorado pertencente ao Conservatorio Enrique Paisal.
Haberá dúas quendas nas que variará a función contacontos:
· 11 horas
Menú de contos con Raquel Queizás.
Lendo a Carvalho Calero. Grupo municipal de teatro de Ribeira
Himno Galego. Conservatorio de Ribeira Enrique Paisal
· 19.30 horas
Menú de contos con Charo Pita.
Lendo a Carvalho Calero. Grupo municipal de teatro de Ribeira
Himno Galego. Conservatorio de Ribeira Enrique Paisal
As accións serán difundidas tanto a través das contas do Concello nas redes sociais (Facebook e YouTube) como a través da programación de Canal Barbanza.
Lectura colectiva
Ademais, dende as concellerías de Cultura e Educación faise un chamado para que a veciñanza de Ribeira que o desexe envíe os seus vídeos lendo a Carvalho Calero para compartir nas redes sociais do Concello de Ribeira. Pódeno facer a normalizacion@ribeira.gal.

PUBLICIDADE