Ribeira combaterá a fenda dixital de xénero co programa MullerTIC
xoves, 22 de febreiro do 2024
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta, presentou este xoves 22 de febreiro unha iniciativa do seu departamento para combater a fenda dixital de xénero e aumentar a empregabilidade da poboación feminina. Trátase do programa de formación MullerTIC, que se desenvolverá en colaboración coa Asociación Cibervoluntarios.
Segundo explicou o edil, MullerTIC proponse como “ferramenta para promover a igualdade de oportunidades e o acceso equitativo á formación e ao emprego no sector tecnolóxico”.
O programa está dividido en tres partes; a primeira, Ferramentas básicas para o emprego, realizarase o día 2 de marzo de 12:00 a 13:30, e consistirá nunha formación orientada á elaboración de currículos; a segunda formación, Ferramentas dixitais para a busca de emprego, celebrarase o 16 de marzo e consistirá no uso de plataformas para a busca activa de emprego. Por último, o 6 de abril remata o programa coa formación Ferramentas dixitais para o emprendemento, dirixido a aquelas mulleres que queiran poñer en marcha un novo negocio.
“O programa de formación MullerTIC é unha valiosa iniciativa que non só proporciona competencias técnicas e oportunidades profesionais ás mulleres, senón que impulsa un cambio cultural cara á igualdade de xénero no ámbito tecnolóxico”, sinalou o concelleiro.
As inscricións poderanse realizar a través do teléfono 981 876 043 ou en cemit.ribeira@xunta.gal.