Ribeira estrea unha tecnoloxía de Avansig co obxectivo de subirse ao carro das Smart Cities

xoves, 26 de xuño do 2014 Redacción

A empresa galega Avansig, que recentemente amosou en Santiago o potencial da súa ferramenta csUrbanismo (un recurso de utilidade con información xeográfica integral para a xestión de proxectos urbanísticos), vén de desenvolver un novo proxecto tecnolóxico inserido tamén no eido das Smart Cities. Desta volta, trátase dun proxecto de implantación TIC nun concello concreto, o concello coruñés de Ribeira, onde Avansig puxo en marcha unha plataforma (Smart Ribeira) que, en palabras da empresa, converterá a localidade nunha Cidade Intelixente en toda regra. Grazas a este recurso, tanto cidadáns como visitantes poderán realizar todo tipo de trámites e xestións municipais a través de Internet e teléfonos intelixentes.
Por certo que en virtude deste proceso de implantación, o municipio de Ribeira é o primeiro en integrar unha ferramenta desenvolvida con tecnoloxía City Juice, unha aplicación de Avansig para a xestión e difusión de datos xeográficos baseada en tecnoloxía SIX (Sistemas de Información Xeográfica).
Nun plano máis detallado, a plataforma consta dunha aplicación móbil e unha páxina web, onde a cidadanía de Ribeira poderá atopar de xeito “rápido e eficiente” os servizos que ofrece o Concello, amais de “ter a oportunidade de realizar numerosos trámites administrativos e comunicar incidencias a través dos móbiles”, informan os responsábeis de Avansig, que tamén salientan quen entre os servizos máis destacados que se poderán levar a cabo en liña atópase a reserva de instalacións municipais e a participación cidadá en asuntos da realidade municipal. Igualmente, a tecnoloxía City Juice permitirá que os comerciantes locais promovan os seus negocios e ofrezan información básica sobre os mesmos, así como incluír ofertas a través da aplicación móbil e da propia web.
Por outra banda, a plataforma tamén está concibida para fornecer información sobre os recursos culturais e naturais de Ribeira, as súas festividades e as súas actividades de lecer. Deste xeito, os visitantes terán no seu teléfono “todos os detalles relativos a aparcadoiros, paradas e liñas de transporte, así como a información acerca das diferentes rutas turísticas, puntos de interese, aloxamentos e establecementos de hostalaría”.
Os traballos desenvolvidos en Ribeira por Avansig baseáronse como dixemos na implantación de tecnoloxía City Juice nunha aplicación específica desenvolvida á medida do concello e con versións para Android e iOS. A idea de Avansig é aplicar estes recursos noutros concellos galegos, adaptándose ás necesidades de cada un deles. Segundo informa a empresa, “o uso de tecnoloxía SIX no panel de control de City Juice permite unha xestión eficiente dos servizos municipais por parte dos técnicos, grazas ás súas potentes capacidades de análises e a centralización de toda a información espacial e recursos cartográficos do municipio”. A plataforma Smart Ribeira está xa dispoñíbel nas súas versións para a cidadanía e para os turistas.

PUBLICIDADE