Ribeira mellora a súa eAdministración para facilitar as xestións da veciñanza co Concello
martes, 4 de maio do 2021
O
Concello de Ribeira traballa de cara a unha transformación dixital a
través da licitación do desenvolvemento e posta en marcha de novos
servizos de Administración Electrónica. Isto permitirá unha maior
comodidade dos cidadáns nas súas xestións co Concello. A
iniciativa está co-financiada nun 80% co Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Ana
Barreiro Rego, concelleira de Administración e Innovación
Tecnolóxica, explicou as grandes liñas deste conxunto de
actuacións, que abranguen diversos aspectos: simplificación de
trámite, menos gasto de papel, novas prestacións como solicitude de
citas ou seguimento de queixas e suxestións, etc.
Así,
no anuncio deste 4 de maio, Barreiro Rego enumerou dez melloras
englobadas no expediente de contratación realizado ao longo dun ano
e que vai a ser percibido polos cidadáns. As melloras, que se irán
implementando nun máximo de seis meses a partir da adxudicación do
contrato, e que se plasmaron no expediente, poderán verse
modificadas polas propostas dos ofertantes, e son as seguintes:
1-
Unha nova sede electrónica, cun novo concepto no que esta sede non
sexa unicamente un portal dentro da web.
2-
Novos trámites con procedementos máis sinxelos para o cidadán.
3-
Adoptar unha nova solución tecnolóxica para a presentación de
documentos na Oficina de Atención Cidadá que vaian dirixidos a
calquera administración a través do sistema de interconexión de
rexistros (SIR), o que permitirá suprimir os envíos de papel de
administración a administración ao xerar copias auténticas
electrónicas da documentación presentada.
4-
Propiciar a acreditación de representantes ou apoderados a través
da Plataforma do Estado.
5-
Posibilitar a interconexión coa Plataforma de Intermediación do
Estado, de tal xeito que cando un cidadán inicie un trámite non
teña que aportar a documentación acreditativa: copia do DNI, AEAT,
Seguridade Social, Dirección Xeral de Tráfico, etc…
6-
Poder acceder á na nova sede electrónica autenticándose coa Cl@ve
PIN, e non só co certificado dixital ou DNI electrónico como ata
agora.
7-
Poñer a disposición a carpeta cidadá Notific@ para que os cidadáns
teñan nela todas as notificacións ou requirimentos que emita o
Concello de Ribeira ou incluso outras administracións.
8-
Xestionar a través da sede unha solicitude de cita cun departamento
ou edil da Corporación ou con alcaldía.
9-
Acadar unha solución tecnolóxica que permita a recepción,
identificación e seguimento de avisos, queixas ou suxestións a
través da web ou da aplicación móbil do Concello.
10-
Dispoñer dun taboleiro de edictos único, o que posibilitará
acceder a todas as publicacións oficiais do Concello nun mesmo
apartado da nova sede electrónica.