Robot de limpeza doméstico que aspira o chan por ti

mércores, 22 de agosto do 2007 Matías Olazabal

O futuro disque xa chegou. Tras os anuncios de inminente posta á ven de robots que o farían todo por nós, a empresa irobot finalmente lanza o mercado unha serie doméstica de máquinas limpadoras. Malia que semelle unha brincadeira, xa non debemos preocuparnos por varrer ou fregar senón de como reunir os 300 euros da versión de alta gama do robot aspirador (irobot roomba) ou conformarnos coa versión de 90 pavos, que non limpa nin os zócalos nin regresa por si só á súa base para recargarse. Amais destes dous hai outros catro modelos intermedios.

Unha vez que teñamos quen limpe será o intre de acadar quen fregue, e como xa vos imaxinaredes, o robot que frega vainos custar outros 200 euros para a versión básica ou uns 350 para a premium. Esta gama de robots (intelixentes?) limpan chans de madeira ou cerámica e veñen equipados cun sensor que permitirá sortear alfombras e escaleiras.

Para aqueles que ademais de ter unha casa que fregar teñen un obradoiro, un negocio ou un bar, os fabricantes do roomba tamén atoparon unha solución á súa medida: o dirt dog (can do lixo), que vén equipado con rodelos extra potentes para recoller os cravos, o aserrín, os anacos dos vasos rotos ou as cabicha do chan do obradoiro, bar ou negocio. Este custa outros 100 euriños (e xa van 390 para o kit máis económico), pero hai máis.

Como ben sabemos todos nós, hai xente moi afortunada que ademais de ter unha casa e un taller teñen piscina (e, como non, un cargo no concello dunha cidade costeira), e para eles vai a seguinte información: tamén hai un robot que limpa a piscina. Para facernos con este teremos que estirármonos abondo e escoller entre un das dúas versións dispoñibles: ou ben a básica de 520 euros, ou a premium de 820, pero si chegamos até aquí, o diñeiro será a menor das nosas preocupacións.

Todos estes modelos veñen cunha longa listaxe de accesorios que nos permitirán ceibarnos de ter que cargalos e que nos axudarán a manexalos cun mando a distancia ou a programar as horas da limpeza. Non sexa cousa de que aínda por riba teñamos que estar pendentes deles, que cos cativos xa chega ben.

PUBLICIDADE