SDG Group contribúe á construción dunha IA en galego a través do Proxecto Nós

xoves, 15 de maio do 2025 Redacción

SDG Group reafirmou o seu compromiso cunha intelixencia artificial inclusiva participando activamente no Proxecto Nós, en especial na iniciativa Faino x Nós, impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, o CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG).
No acto institucional tomaron a palabra Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Senén Barro, director científico do CiTIUS; Elisa Fernández Rei, directora do ILG; e Antonio Torrado, socio director de SDG Group España. Torrado salientou a importancia de doar voces en galego como ferramenta para garantir que as tecnoloxías futuras falen con «as nosas palabras, as nosas expresións e a nosa identidade». Con ese obxectivo, a empresa habilitou un espazo de gravación na súa sede de Santiago de Compostela, onde os empregados galegos e galegofalantes puideron contribuír coas súas voces ao adestramento de modelos de linguaxe.
Esta achega enmárcase na aposta de SDG Group pola economía do dato e a IA, e contribúe a dotar Galicia de ferramentas como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais capaces de operar en galego. Torrado destacou que «moitos dos participantes son enxeñeiros de datos que traballan con IA e comparten esta visión dunha IA galega construída desde o humano, con identidade e propósito».
Valentín García destacou «a importancia da implicación cidadá e empresarial para o desenvolvemento de iniciativas a prol da lingua como é o Proxecto Nós», dando conta de que esta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago está orientado a reforzar a presenza do galego no ámbito dixital.
O director xeral da Lingua recoñeceu «o gran paso dado por esta entidade, a primeira do ámbito empresarial que se involucra totalmente na doazón de voces, no software e na vontade de implantar no seu funcionamento os recursos xerados a través da iniciativa». Neste senso, puntualizou, «este supón un exemplo de compromiso e responsabilidade social empresarial con Galicia e coa nosa lingua, que espero se estenda a máis compañías».
A participación de SDG Group non se limitou a Galicia: tamén implicou traballadores das sedes da empresa en Madrid e Barcelona, aumentando así a diversidade e riqueza do corpus lingüístico xerado. Esta dimensión colaborativa foi destacada por Elisa Fernández Rei, quen indicou que a alianza coa compañía «representa á perfección o espírito do Proxecto Nós» como proxecto de país, inclusivo e aberto á participación de todas as persoas e entidades.