SIVSA e Gradiant impulsan un revolucionario proxecto para axudar aos médicos nas súas decisións

mércores, 4 de outubro do 2017 Redacción

Seguimos sendo un referente en novas tecnoloxías e saúde? Sen dúbida si, e un exemplo recente disto é o proxecto SADAS, dirixido a materializar un sistema para axudar na toma de decisións médicas. A iniciativa, liderada pola empresa galega SIVSA, encamíñase a clarificar información, facendo sinxelo e manexábel o que doutra maneira serían datos a gran escala sen posibilidade de converterse en útiles para médicos e profesionais sanitarios (información almacenada nos rexistros electrónicos de pacientes, resultados das investigación clínicas, xenomas individuais, rexistros xerados polos propios pacientes por medio de dispositivos e plataformas de saúde móbil, etc). O proxecto SADAS está financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (MINECO) na convocatoria Retos-Colaboración 2016 e co-financiado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). No proxecto participan o Centro Tecnolóxico Gradiant, a Fundación Biomédica Galicia Sur e facultativos do Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, e do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
O principal obxectivo do proxecto SADAS céntrase no desenvolvemento dun sistema de soporte á decisión clínica (SSDC) que permita aos facultativos axilizar a toma de decisións á hora de tratar aos pacientes. Segundo nos contan dende o Centro Tecnolóxico Gradiant, os SSDC defínense como servizos ou aplicacións software que integran os datos do paciente cunha base de datos de coñecementos médicos. Basicamente, este sistema “incorpora un mecanismo de inferencia que favorece a procura de resultados (en forma de recomendacións) adaptada ás necesidades do paciente, por exemplo, para o coidado, as avaliacións, as alertas e os recordatorios, apoiando activamente aos profesionais na toma de decisións clínicas”, tal e como indica Helena Fernández, directora de eSaúde de Gradiant.
En palabras de Marta Cubilot, directora de Planificación Estratéxica de SIVSA, “SADAS permitiranos fornecer de servizos de apoio á decisión clínica de última xeración dos que calquera sistema de historia clínica electrónica podería beneficiarse”. Trátase, engade, “dun sistema versátil, válido para calquera rede hospitalaria”.
A finalidade xeral do proxecto SADAS é o desenvolvemento dun Sistema de Soporte á Decisión Clínica (SSDC) que emprega un enfoque de arquitectura e compoñentes baseados en estándares abertos que faciliten a súa conexión a calquera sistema de información hospitalaria, así como a dispositivos médicos ou implantábeis conectados, sensores ou a sistemas mHealth que poidan ter os doentes. Segundo explica Fernández, “os módulos SSDC desenvolvidos están pensados para axudar aos profesionais médicos na súa actuación en diferentes casos de uso como son o apoio á prescrición de fármacos ou o seguimento de pacientes con múltiples tratamentos; trátase en definitiva de mellorar a calidade asistencial e a eficiencia dos sistemas sanitarios así como de reducir os erros médicos e as súas consecuencias sobre a saúde das persoas”.
A equipa que dirixe Fernández ocúpase de deseñar os compoñentes centrais dun SSDC baseado en estándares abertos desenvolvidos por organizacións internacionais, como HL7; e cun enfoque de arquitectura orientada a servizos (SOA, polas súas siglas en inglés).
Porén, malia as vantaxes dos SSDC, a maioría das decisións clínicas fanse sen a axuda de sistemas computarizados. Respecto dos atrancos a salvar, Lorena González, investigadora do equipo de eSaúde de Gradiant, explica que “aínda hai barreiras para a adopción ampla dos SSDC, debido ao alto axuste que existe a día de hoxe entre estes e sistemas software específicos”. Segundo indica, para superar estes atrancos é importante que os sistemas “falen” estándares abertos que todos poidan entender, “facilitando a transferencia de coñecementos clínicos entre todas as aplicacións”.

PUBLICIDADE