SIVSA fará avanzar a transformación tecnolóxica das lonxas galegas

mércores, 19 de agosto do 2020 S. P.

A empresa de novas tecnoloxías SIVSA, referente galego en desenvolvemento de ferramentas de xestión, confirmou que será a encargada do mantemento do proxecto para a modernización tecnolóxica das lonxas galegas, un proxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que busca en última instancia a plena dixitalización das rulas dos nosos portos. O contrato recentemente asinado entre AMTEGA e SIVSA permitirá á empresa proseguir coas tarefas de evolución, soporte e mantemento en sistemas de información, accións que firma con sede en Vigo xestionaba no ámbito funcional asociado á Consellería do Mar.
Segundo explica SIVSA, este acordo está relacionado coas actividades de desenvolvemento evolutivo e soporte da solución de comercialización, que permiten, a partir da información obtida na identificación, clasificar e pesar as capturas descargadas na lonxa, tanto a súa primeira venda nas distintas modalidades (incluída a poxa), como a emisión dos documentos relacionados coa comercialización dos produtos (SISCOM) das lonxas galegas (proxecto Lonxas Galegas 4.0).
Esta actuación está co-financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e ten unha dotación económica de 615.330 euros (IVE incluído) e vixencia até o 30 de novembro de 2021.
20 lonxas co novo sistema
SIVSA lembra que a día de hoxe xa hai vinte lonxas beneficiándose da utilización do novo sistema de información. O obxectivo concreto deste novo contrato é “dar cobertura ás necesidades de soporte e evolución do citado sistema de información para os vindeiros dous exercicios”. Con este acordo, engaden fontes da empresa galega, “confírmase que confianza que deposita AMTEGA en nós para desenvolver proxectos no ámbito funcional da Consellería do Mar”. Neste sentido, a empresa lembra que é provedor de referencia de AMTEGA para proxectos no ámbito de competencia da Consellería do Mar.

PUBLICIDADE