SIVSA implanta con éxito na Clínica Montefiori de Perú o seu sistema de arquivo e comunicación de imaxes: PACS

xoves, 6 de febreiro do 2025 S. P.

A firma galega SIVSA, referente no panorama galego e estatal de desenvolvemento e aplicación de solucións informáticas, completou con éxito a implantación do Sistema de Arquivo e Comunicación de Imaxes (PACS) e a súa integración coa Historia Clínica Electrónica (HCE) na Clínica Montefiori, un dos centros privados con máis prestixio de Lima, Perú.
A entrada en funcionamento do PACS (nas súas siglas en inglés Picture Archiving and Communication System) supón en palabras de SIVSA “un importante avance tecnolóxico para a clínica e un novo paso na súa transformación dixital”, xa que “permite aos profesionais sanitarios capturar, almacenar, distribuír e visualizar imaxes médicas como radiografías, resonancias magnéticas ou tomografías, ademais de datos relacionados (nome do paciente, data, tipo de proba, médico solicitante…) de forma dixital”. Desta forma, axilizouse o proceso de diagnóstico e mellorado a accesibilidade da información radiolóxica, a colaboración entre profesionais e a atención ao paciente.
Trátase dunha ferramenta clave na modernización das contornas clínicas e, concretamente, dos servizos de radiodiagnóstico, e “non só porque simplifica a xestión de imaxes médicas de maneira segura, senón porque achega unha solución máis sostible e respectuosa co medio ambiente, ao evitar a produción de placas e o consumo de papel dos sistemas tradicionais”, explican fontes da empresa galega.
Integración coa Historia Clínica Electrónica (HCE)
Co obxectivo de facilitar unha toma de decisións médicas máis informada e tendo en conta que os sistemas de diagnóstico por imaxe son un dos maiores provedores de información a incorporar á historia clínica electrónica (HCE), o sistema PACS integrouse coa HCE dos pacientes, o que permite que os médicos poidan consultar ademais en tempo real as imaxes radiolóxicas.