SIVSA implanta o seu software de xestión na rede de saúde privada máis importante de Panamá

luns, 24 de febreiro do 2025 S. P.

A empresa galega SIVSA completou con éxito a implantación da súa solución avanzada de xestión e información hospitalaria HOSIX nas 13 clínicas e o hospital que MiniMeed, a franquía de saúde privada máis importante de Panamá, posúe no país. Trátase do primeiro gran proxecto en Panamá da compañía galega, que xa está presente co seu software en 100 grandes hospitais e 1.800 clínicas de España, Portugal, Perú, Brasil e Marrocos.
Fontes de SIVSA explican que a integración de HOSIX en toda a súa rede permitiu a Minimed “avanzar na súa transformación dixital” e “lograr unha maior interoperabilidade, seguridade e accesibilidade clínica”. O cambio, polo tanto, “supuxo unha importante transformación ao xestionar actualmente todos os procesos hospitalarios, administrativos e de facturación de forma centralizada e cunha única ferramenta e integrar nunha historia clínica electrónica única toda a información dos pacientes, desde antecedentes a probas de laboratorio e raios X a prescrición de medicamentos ou diagnósticos, indistintamente de onde fosen atendidos”.
A devandita evolución foi posíbel grazas a que a solución tecnolóxica de SIVSA permite a conexión con sistemas HIS (Hospital Information System) de terceiros, tanto públicos como privados, supoñendo un adianto que engadiu “un plus de seguridade e eficiencia no traballo dos profesionais, que agora dispoñen de toda a información nun único repositorio, o portal do paciente”, informou a empresa galega.
Como parte do proxecto, SIVSA contribuíu tamén na modernización dos servizos de laboratorio e de radioloxía da rede de MiniMed, integrando HOSIX cos sistemas de Información para Laboratorios (LIS), de Xestión de Información Radiolóxica (RIS) e de Arquivo e Comunicación de Imaxes (PACS). “Con iso, logrouse axilizar o proceso de diagnóstico e mellorar a accesibilidade á información clínica, así como a colaboración entre profesionais”, apuntou a empresa, engadindo que “grazas a estas melloras e á automatización de procesos, MiniMed logrou optimizar os fluxos de traballo, gañar en operatividade e aumentar os niveis de satisfacción e calidade asistencial, acelerando trámites administrativos, reducindo tempos de espera e erros humanos, ademais de custes”.