SIVSA participará directamente na mellora e ampliación da Plataforma Tecnolóxica de Pesca

luns, 10 de outubro do 2016 Redacción

A empresa galega SIVSA, responsábel das revolucionarias ferramentas Fenix e Hosix, informou recentemente do impulso que vén de recibir a Plataforma Tecnolóxica de Pesca, unha iniciativa dirixida a facilitar ferramentas de xestión e de recollida de información do noso sector pesqueiro. Máis polo miúdo, o impulso veu da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que volveu apostar (precisamente) por SIVSA para o mantemento da devandita plataforma (ampliando e prorrogando o contrato de servizos formalizado pola empresa galega e materializado en labores de mantemento evolutivo, correctivo, perfectivo e de adaptación). Lembrar que dende 2014, SIVSA é adxudicataria deste servizo que dá soporte ao principal sistema de información da Consellería de Mar.
Recordar tamén que a Plataforma Tecnolóxica da Pesca é un proxecto da Administración pesqueira galega. O seu principal obxectivo é achegar recursos de xestión e de recollida de datos do tecido pesqueiro galego. O sistema ofrece unha serie de servizos aos sectores produtivos e distribuidores, servizos que serven de apoio á xestión dos recursos pesqueiros e á rastrexabilidade asociada ao seu transporte e comercialización, “en concordancia coas esixencias legais existentes”, informa SIVSA, que engade que con esta ampliación na que toma parte directa, “incrementaranse os recursos e a adicación do equipo de traballo en case un 45% aproximadamente”. Ademais, apunta, “prorrógase o mesmo por un período de 2 exercicios, até finais de maio de 2018”.
En termos máis concretos, con este impulso de AMTEGA (e con esta renovación da súa aposta por SIVSA) asegúrase a continuidade dos traballos de modernización tecnolóxica relativos á Administración pesqueira e ao propio sector galego do mar. Segundo engade a empresa galega, estes traballos iniciáronse para o conxunto das aplicacións corporativas á plataforma tecnolóxica corporativa de AMTEGA, para integrar melloras no ámbito funcional das aplicacións existentes no marco do proxecto e, tamén, para dar soporte a optimizacións no alcance de diversas aplicacións e servizos (notas de venda de pesca fresca, pesca conxelada e acuicultura, xestión de documentos telemáticos, adaptación a proxecto Trazapes, etc.).

PUBLICIDADE