SIVSA presentou Fenix perante máis de 300 profesionais do sector da saúde e os coidados
luns, 6 de febreiro do 2017
O pasado 27 a empresa galega SIVSA presentou
novamente a súa tecnoloxía Fenix,
a innovadora plataforma de software para a xestión clínica. A
presentación desenvolveuse ao abeiro da Xornada de Responsabilidade
Profesional Sanitaria que se celebrou no auditorio de AFundación en
Vigo, da man de Gest Invest Medical, organización especializada
no ámbito sanitario e, segundo informa a dita empresa galega, “un
claro referente informativo e formativo para médicos,
fisioterapeutas, xerentes de clínicas, etc”. Na xuntanza do 27,
que contou coa presenza de máis de 300 profesionais, SIVSA achegou
cumprida información sobre o seu software, a través do
relatorio-presentación e, tamén, a través do material de
documentación da xornada que se lles entregou a todos os presentes.
Segundo informa a empresa galega, a xornada serviu
igualmente para certificar “o gran interese que esperta Fenix entre
os profesionais do sector”, un software deseñado ao redor da
figura do profesional médico. Como temos sinalado noutras ocasións,
Fenix é un software de xestión clínica especialmente pensando e
optimizado para médicos e clínicas de pequenas dimensións. A
plataforma foi desenvolvida por SIVSA,
empresa galega referencial en solucións informáticas para a saúde,
con máis de 25 anos de experiencia e presenza en máis de 30
hospitais en seis países diferentes. “Con Fenix”, informaron na
xornada os responsables de SIVSA, “estaremos en disposición de
manexar e monitorizar de maneira moi doada os procesos que se levan a
cabo nas clínicas, proceso que son centralizados na súa totalidade
pola plataforma, dende a chamada para solicitar unha cita ata a
facturación dos servizos (tanto ao propio paciente como a unha
aseguradora)”.
