SQL Server 2017, xa dispoñíbel nos servizos de Dinahosting

xoves, 21 de xuño do 2018 Redacción

A empresa galega Dinahosting, centrada en servizos de hospedaxe e dominios, vén de informar de que xa conta (a disposición dos seus usuarios) coa versión 2017 do SQL Server, o sistema de manexo de bases de datos desenvolvido por Microsoft. Segundo informa a firma compostelá, o SQL Server 2017 está dispoñíbel no plan de Hosting Profesional, Hosting BBDD, Dedicados e VPS. Grazas a el, engaden, poderemos facer cousas como executar scripts de R ou Python, o que nos permitirá adestrar modelos estatísticos avanzados de maneira doada ao abeiro de SQL Server 2017 sen que mover datos.
Tamén poderemos axustar de maneira automática as bases de datos e obter información dos posíbeis problemas de rendemento das consultas, extraendo solucións para poder corrixir de contado os problemas identificados. Igualmente, inclúe melloras no procesamento de consultas (o que permite optimizar o tempo de carga), analíticas en tempo real cun millón de predicións por segundo e tecnoloxías de aprendizaxe máquina (Machine Learning) para transformar datos sen procesar en informes aptos para calquera dispositivo.

PUBLICIDADE