Sae á venda o OutRun Online Arcade

mércores, 15 de abril do 2009 Marcus Fernández

Tras varios meses de espera, finalmente chega ao Bazar de Xbox LIVE o xogo OutRun Online Arcade, que recupera o espírito do xogo de coches arcade máis popular de todos os tempos, que foi o que sentou as bases deste xénero, aínda que fronte a versións novas que chegaran para as consolas da anterior xeración, agora véndese coma contido descargable a un prezo de 800 puntos (9,6 euros). Agárdase que mañá tamén chegue á PlayStation Network por 9,99 euros.
Este xogo vén a ser unha adaptación do OutRunt 2: Coast 2 Coast optimizado para pantallas de alta definición (con formato panorámico e novos detalles visuais) e potenciando o xogo en liña. Permite elixir entre 10 modelos de coches de Ferrari que poden moverse a través de 15 pistas distintas cheas de acción. Tamén conta con distintos modos de xogo, coma o clásico OutRun, o Infarto ou o de Contrarreloxo.
Esta revisión do icónico xogo permite tanto competir en liña coma compartir as nosas puntuacións con outros xogadores.

PUBLICIDADE