Samantha Hudson e María Barrier chegan ao Carballo Interplay con Bimboficadas

xoves, 12 de marzo do 2026 S. P.

Samantha Hudson e María Barrier, integrantes de Bimboficadas, faranse cargo este ano de Rajando con..., un dos formatos clásicos do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, levando ao escenario a esencia do seu podcast nun espectáculo que só poderá gozarse en directo.
A actividade terá lugar o venres 17 de abril ás 22.00 horas no Mercado de Carballo, no marco da
13ª edición do festival, que se celebrará do 16 ao 19 de abril de 2026.
Segundo informou a organización do CIP, “será a primeira vez que Samantha Hudson e María Barrier achegan a Galicia este proxecto sonoro”, que se suma a unha programación da que xa forma parte Pop y Muerte, o podcast conducido por Kiko Amat e Benja Villegas, que poderá escoitarse en directo o sábado 18 de abril ás 22.30 horas, tamén no Mercado de Carballo.
“Con estes primeiros anuncios, o festival comeza a debuxar unha nova edición marcada pola presenza dalgunhas das voces máis populares e estimulantes do panorama dixital actual”, engadiu a organización.
Sen filtros
Samantha Hudson, artista e icona da xeración Z, e María Barrier, xornalista e actriz, son as creadoras de Bimboficadas, un podcast nacido da súa amizade e da súa complicidade, no que combinan humor, ironía e unha ollada crítica moi persoal.
“A súa participación no festival fará que Rajando con... incorpore a esencia deste formato, que revisita con retranca e sen filtros cuestións de actualidade como a identidade de xénero, a precariedade laboral, a saúde mental ou os debates da esfera pública a través da sátira, a cultura pop e o comentario social”, informaron dende a organización do festival de Carballo.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.
Carballo Interplay é un festival de pensamento e contidos dixitais que, desde Galicia, veu consolidándose como un espazo pioneiro para impulsar novas linguaxes audiovisuais na Internet a través de proxeccións, encontros, directos e actividades abertas ao público.
Xunto á súa programación, mantén unha aposta sostida polo ecosistema creativo en galego mediante iniciativas específicas como o Premio á Creación Dixital Galega, dirixido a canles e proxectos publicados na nosa lingua en plataformas como YouTube, TikTok ou Instagram, e o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego. Nos últimos anos, o festival vén reforzando estes recoñecementos para dar visibilidade, profesionalizar e acompañar creadoras e creadores que desenvolven contidos en galego na Rede, ampliando ademais o abano de formatos admitidos e evidenciando o crecente interese da mocidade por crear e consumir Internet na súa propia lingua.