Samsung inicia a produción de memorias de 16 GB para dispositivos móbiles

mércores, 26 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Samsung anunciou o inicio da produción masiva dos primeiros módulos de memoria LPDDR5 de 16 GB para dispositivos móbiles, que servirán para que os móbiles de nova xeración poidan dar un importante salto no que a cantidade de memoria RAM se refire, chegando a superar á meirande parte dos equipos informáticos, buscando así atender á elevada demanda de memoria que precisan dende xogos con grande carga gráfica até as cámaras dos móbiles (que coas resolucións que están a adoptar precisan de moitos recursos para o procesamento de fotografías e vídeo).
O pasado mes de xullo foi cando Samsung iniciou a produción de módulos LPDDR5 de 12 GB, presentes aínda en poucos dispositivos, mentres que os novos módulos estarían destinados a uns poucos dispositivos de moi alta gama, como o Samsung Galaxy S20 Ultra con 512 GB de almacenamento interno (que venderase a un prezo de 1.549 euros).
Os novos módulos de memoria LPDDR5 de 16 GB teñen unha velocidade de transferencia de 5.500 Mb/s, o que supón unha mellora considerable fronte á tecnoloxía de anterior xeración (as memorias LPDDR4X funcionaban a 4.266 Mb/s) e tamén teñen un consumo un 20% inferior. Tamén prevén que na segunda metade do ano poidan iniciar a produción masiva de módulos de LPDDR5 de 16 GB fabricadas en 10nm, que conseguirían velocidades de 6.400 Mb/s.

PUBLICIDADE