Samsung integra Copilot nos seus últimos televisores

xoves, 28 de agosto do 2025 Redacción

Samsung anunciou a integración de Microsoft Copilot na súa gama de televisores e Smart Monitors de 2025, reforzando así a súa aposta por ofrecer pantallas máis personalizadas e intelixentes a través de Samsung Vision AI.
A compañía surcoreana destacou que Copilot estará dispoñible directamente nos televisores mediante un comando de voz ou cun clic no mando, permitindo buscar, aprender e interactuar con contidos de forma máis sinxela.
A integración amplía as funcionalidades de Bixby e de Click to Search, mellorando a experiencia contextual dos usuarios. Ademais, Copilot tamén estará dispoñible en Samsung Daily+, o espazo de servizos de estilo de vida que inclúe propostas de entretemento, benestar ou gastronomía. A través da interacción por voz, Copilot poderá recomendar contidos personalizados, ofrecer información adicional ou facilitar aprendizaxe interactiva. Así, quen estea a ver unha película ou un partido poderá preguntar pola traxectoria dun actor ou dun deportista, obter resumos de tramas, practicar idiomas estranxeiros ou recibir explicacións simplificadas de conceptos complexos, todo desde a pantalla principal da casa.
Copilot estará dispoñible en 2025 nos modelos Micro RGB, Neo QLED, OLED, The Frame Pro, The Frame e nos monitores intelixentes M7, M8 e M9, con expansión progresiva a outras gamas e mercados.