Samsung leva a Colonia os seus mellores monitores para xogar

mércores, 20 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Samsung Electronics anunciou no marco da Gamescom 2025 (celebrada en Colonia entre os días 20 e 24 de agosto) o lanzamento mundial dos novos monitores Odyssey G7 de grande formato, dispoñibles en versións de 37 e 40 polgadas. Estes modelos ofrecen resolución mellorada, taxas de refresco máis elevadas e un rendemento pensado para unha experiencia de xogo inmersiva de última xeración.
O novo Odyssey G7 (modelo G75F) preséntase en dúas variantes: unha pantalla de 37 polgadas con resolución 4K UHD (3840x2160) e formato 16:9, e a primeira WUHD (5120x2160) de Samsung con relación de aspecto 21:9. Ambos modelos contan con HDR10+ Gaming, AMD FreeSync Premium Pro, funcións multitarefa PBP e PIP, certificación VESA DisplayHDR 600, brillo de 350 nits e un deseño ergonómico con soporte axustable en altura. O monitor estará dispoñible en España a partir do 15 de setembro.
A compañía surcoreana destacou tamén a expansión do ecosistema Odyssey 3D sen lentes, froito de novas colaboracións con editoras e estudos de referencia. Durante a feira, os asistentes puideron probar títulos como Stellar Blade e Mongil: Star Dive, con efectos tridimensionais axustados a cada escena, personaxe e escenario.
A compañía tamén levou á feira a súa gama Odyssey OLED, colaborando con Blizzard e Pearl Abyss. No expositor de World of Warcraft empregáronse máis de 80 unidades do modelo OLED G6 a 500 Hz, mentres que Pearl Abyss mostrou o seu esperado Crimson Desert en 180 equipos equipados cos modelos G6 e G8.
O catálogo Odyssey 3D Hub chegará a finais de ano a contar con máis de 50 xogos compatibles en tres dimensións, entre eles Lies of P: Overture, Stellar Blade e Mongil: Star Dive.

Os monitores OLED G6 pode probarse na Gamescom co clásico World of Warcraft