Samsung presenta o primeiro televisor tecnoloxía micro LED RGB

martes, 12 de agosto do 2025 Redacción

Samsung Electronics presentou hoxe o seu Micro RGB, o primeiro televisor do mundo con retroiluminación LED RGB a escala micro nunha gran pantalla de 115 polgadas, que marca un novo referente en precisión de cor, contraste e experiencia inmersiva no segmento ultra premium.
A tecnoloxía propia Micro RGB integra micro LED vermellos, verdes e azuis de menos de 100 micrómetros dispostos nun patrón ultrafino detrás do panel, controlados de forma individual. Ao contrario que na retroiluminación convencional, esta arquitectura permite xestionar con precisión cada LED para acadar unha reprodución de cor e un contraste sen precedentes.
O novo modelo funciona co motor Micro RGB AI, que emprega procesamento con intelixencia artificial para optimizar en tempo real a imaxe e o son. Entre as súas funcións está Micro RGB Color Booster Pro, que detecta escenas con cores apagadas e mellóraas de maneira automática para ofrecer un resultado máis vivo e realista. Ademais, a tecnoloxía Micro RGB Precision Color garante unha cobertura do 100 % do estándar internacional BT.2020, certificada pola entidade alemá VDE.
O televisor incorpora a tecnoloxía Glare Free para reducir os reflexos, mesmo en condicións de iluminación intensa, e un deseño metálico ultradelgado de estética minimalista. Tamén integra Samsung Vision AI, que achega melloras visuais e sonoras, así como un asistente Bixby máis intelixente grazas á intelixencia artificial xerativa. O sistema operativo Tizen co que funciona este novo televisor conta cun programa de actualizacións durante sete anos.
Está previsto que o Micro RGB chegue a España a finais do presente ano.