Sanidade celebra en Lugo o 13 de decembro unha xornada para fomentar o uso responsable das TIC
martes, 2 de decembro do 2025
A Consellería de Sanidade celebrará o sábado 13 de decembro, no Edificio Administrativo de Usos Múltiples da Xunta en Lugo, a Xornada de benestar dixital familiar, coa que se pretende fomentar a convivencia saudable coas pantallas e cos dispositivos electrónicos dentro das unidades familiares e promover hábitos axeitados na contorna dixital. Diríxese polo tanto a impulsar un uso seguro e enriquecedor das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
A xornada de lecer dixital, impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, remarca a importancia de “establecer un equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo en familia; fomentar a busca de contidos educativos e de entretemento que acheguen valor e, tamén, definir unhas pautas de conduta dixital na que os adultos sexan modelos de comportamento para os nenos”.
O evento estenderase desde as 12.00 horas ata as 20.00 horas e está deseñado para que poidan participar todos os integrantes da familia. Vertebrarase ao redor de catro eixes de actividades.
Por unha banda, celebrarase un torneo de Mario Kart no que adultos e pequenos participarán nun pequeno campionato interxeracional. Ademais, artellarase un obradoiro no que se proporcionarán pautas e ferramentas sobre os contidos axeitados para cada franxa de idade. A terceira das actividades consistirá en sesións que mesturarán lecer tradicional con sesións de lecer dixital, ao fin de conxugar ambos entretementos na vida cotiá. Finalmente, desenvolverase un obradoiro no que se presentarán as últimas tendencias do lecer dixital e os vindeiros retos tecnolóxicos: realidade virtual, intelixencia artificial, etc.
Xunto co anterior, o evento contará con actividades formativas, habilitándose espazos de lecer e outras experiencias dixitais, “na procura de xerar un ambiente máis ameno e distendido”, informou a Consellería.
A participación no evento é de balde e non precisa de inscrición previa. As familias que desexen participar simplemente deberán achegarse ata a sede da Xunta en Lugo, na rolda da Muralla.
Unha vez alí, completarán un formulario -mediante un código QR-, para recompilar a información sobre os seus hábitos dixitais e os seus datos persoais, co propósito de xerar unha base de datos e así realizar un seguimento posterior da aplicación do plan.
