Santiago acolle en outubro a cuarta xornada de usuarios galegos de R

venres, 4 de agosto do 2017 Redacción

Á volta do verán temos unha nova cita en Compostela coa ferramenta libre R, un software desenvolvido en orixe para a análise estatística e a creación de gráficos pero con gran potencial, a día de hoxe, para numerosos ámbitos científicos e empresariais relacionados coa estatística e o cómputo. A cita de Santiago, a cuarta Xornada de Usuarios de R en Galicia, celebrarase na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, o 19 de outubro. Está dirixida principalmente á cada vez máis importante comunidade galega de usuarios de R, que abrangue xa todo tipo de eidos: empresarial, académico, investigador, administracións, etc.
Para as persoas interesadas en participar, dicirlles que xa está aberto o prazo para presentar relatorios e obradoiros. Podemos facelo a través do formulario específico de envío de propostas. O prazo fica aberto até o 1 de setembro. Unha semana despois o comité seleccionará as propostas e notificará aos participantes a fin de conformar o programa definitivo da xornada.
O obxectivo destas xornadas é promover o coñecemento arredor do software R e as súas posibilidades de uso, achegando un foro de debate e de intercambio de coñecemento e, tamén, facendo o posíbel por estreitar as ligazóns da comunidade de usuarios de R. Ademais preténdese tamén fomentar o traballo colaborativo e multidisciplinar propio do ámbito da investigación e do software libre.
A IV Xornada de usuarios de R en Galicia volve ser organizada novamente Oficina de Software Libre do CIXUG, no marco do convenio de colaboración asinado entre a AMTEGA e a Oficina de Software Libre do CIXUG para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2017.

PUBLICIDADE