Santiago bate records en learning mobile con 4.000 novas prazas de formación

martes, 19 de maio do 2020 S. P.

Haberá un antes e un despois en materia de formación online logo da crise sanitaria. O Concello de Santiago vén dar un paso de xigante neste eido da docencia tecnolóxica anti-COVID, e faino con 4.000 novas prazas de formación, a maioría delas baixo a fórmula do mobile learning, constituíndose “unha aposta pioneira pola aprendizaxe a través de dispositivos móbiles”. A iniciativa foi dada a coñecer nos seus detalles polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo e polo responsábel municipal de Emprego, Xavier Ferreiro.
O programa de formación, deseñado polo departamento de Emprego a través do programa Talentia Summit’20 (dentro do Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020), ten o obxectivo de mitigar os efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Son un total de 4.000 novas prazas, que se suman ás 1.500 lanzadas hai un mes, cubertas practicamente na súa totalidade.
Esta convocatoria conta dúas importantes novidades.
A primeira, a formación mobile learning, cunha serie de cursos, que suman 3.200 prazas, optimizados para facelos 100% dende o móbil e que buscan “facilitar o acceso de máis persoas as actividades formativas”.
A segunda trátase dunha acción formativa sobre COVID-19, coñecementos que, en palabras do Concello, “serán cada vez máis demandados en distintos sectores económicos, entre eles a hostalería e o comercio”.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende hoxe e ata esgotar as prazas.
As distintas accións formativas, centradas nas tendencias profesionais máis demandadas do mercado laboral, divídense en tres grandes bloques de especialización e aprendizaxe: Idiomas, comunicarse nunha cidade cosmopolita, Habilidades e actitudes. Medrar e liderar o cambio dixital e persoal e Competencias profesionais, é momento de reinventarse. Durante a comparecencia, o alcalde destacou “a aposta sen precedentes por potenciar o talento profesional online para combater as secuelas da COVID-19, despois do éxito da anterior convocatoria formativa”.
Respecto da cuestión que nos ocupa en Código Cero, a do ámbito dixital, ofrécense 13 cursos para impulsar a transformación social e dixital das empresas e os profesionais independentes en seccións como cultura dixital, diversidade e inclusión, fundamentos de negocio e benestar emocional. Trátase de cursos optimizados para mobile learning, compatíbeis con todos os dispositivos que contarán con 3.200 prazas dispoñíbeis.

PUBLICIDADE