Santiago celebra cun evento en liña o Día da Muller e a Nena na Ciencia

martes, 2 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

O Concello de Santiago vai celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, con data o vindeiro xoves 11 de febreiro, coa xornada de charlas e obradoiros As ciencias escríbense en feminino. O evento será en streaming e nel as máis sobranceiras científicas galegas falarán das principais vantaxes que ten estudar unha carreira científica no ámbito de diferentes disciplinas: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Ao abeiro desta iniciativa, o Concello de Santiago ten como obxectivo principal brindar ás estudantes modelos de diferentes profesións científicas, e axudalas a ser conscientes do seu gran potencia, a superar os estereotipos e inspiralas, a través do evento.
A ONU, institución que promove esta data, destaca o problema que existe para que as mentes de homes e mulleres traballen xuntas para alcanzar un obxectivo final e afrontar diferentes desafíos.
O evento está orientado ás rapazas galegas de entre 9 e 15 anos, e será presentado por grandes profesionais, que comentarán a súa traxectoria, os proxectos e as vantaxes de forxarse un futuro nas diferentes disciplinas científicas. A actividade combinará as conferencias, con xogos didácticos e experimentos para ofrecer un contido ameno e divertido.

PUBLICIDADE