Sensesbit, startup galega gañadora do ftalks Startups Awards 2025

martes, 1 de xullo do 2025 S. P.

Sensesbit, a solución tecnolóxica especializada en análise sensorial da spin-off TasteLab participada pola USC, foi recoñecida como startup máis innovadora nos prestixiosos ftalks Startups Awards 2025 entregados en Valencia no marco de ftalks Food Summit.
O galardón premia a súa plataforma SaaS que permite predicir os gustos do consumidor para asegurar o éxito de novos produtos, en sectores como o agroalimentario e o cosmético. “Este premio recoñece anos de traballo apostando pola tecnoloxía sensorial como ferramenta estratéxica para as empresas. O noso obxectivo sempre foi axudar a que as empresas entendan mellor o consumidor e tomen decisións máis rápidas e con menor risco”, afirma Maruxa Quiroga, directora executiva (CEO) de Sensesbit.
Sensesbit desenvolveu un software avanzado que automatiza estudos sensoriais, recolle datos reais de percepción do consumidor e os transforma en informes accionables en tempo real. A súa proposta reduce en máis do 50 % os custes asociados a estudos tradicionais, duplica a eficiencia operativa e mellora drasticamente o time-to-market de novos produtos.
O premio, dotado con 5.000 euros e entregado por Marta Bertomeu, responsable de Innovación e RSC de Helados Estiu, supón ademais a incorporación de Sensesbit á comunidade de KM ZERO Food Innovation Hub que conecta startups disruptivas con investidores, corporacións e entidades públicas do sector agroalimentario para escalar proxectos de impacto.
O xurado de ftalks estivo composto por representantes dos fondos de investimento First Drop, Angels, SparkFood e Nourish Ventures, que destacaron a proposta tecnolóxica de Sensesbit polo seu alto potencial de adaptación, evolución e aplicación transversal na cadea alimentaria.