Seresco celebrou o 50 aniversario da súa frutífera relación con Galicia

venres, 15 de setembro do 2023 S. P.

Seresco, compañía española especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital, conmemora estes días o 50 aniversario da súa actividade no mercado galego. A empresa celebrou esta efeméride este venres 15 de setembro en Vigo na compaña de AMTEGA, o Círculo de Empresarios de Galicia, a Universidade de Vigo, o centro atlantTIC ou Gradiant, entre outras empresas, entidades e centros tecnolóxicos da nosa terra.
Na cita participou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, concretamente na mesa redonda Desafíos e oportunidades na transformación dixital de Galicia, que formou parte dos actos de celebración. No debate, tamén interviñeron a vicepresidenta do Circulo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o director xeral de Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Luis Pérez Freire; e o catedrático da Universidade de Vigo e director de atlanTTic, Martín Llamas. A mesa foi moderada pola xornalista Gladys Vázquez.
O director da Axencia destacou o obxectivo transversal da EGD2030 de avanzar cara á especialización tecnolóxica de Galicia a través da creación, atracción e retención de talento dixital e o traballo conxunto co sistema universitario, os centros de investigación e o sector TIC. Cerviño enmarcou neste obxectivo a próxima instalación na Coruña da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
Cerviño anunciou tamén que a Xunta traballa nun anteproxecto de lei de Intelixencia Artificial que está en proceso de consulta. O director da Axencia destacou que perseguir o obxectivo de especialización é posíbel “grazas ao grao de madurez dixital alcanzado por Galicia coa aplicación de dúas axendas dixitais entre 2009 e 2020, que ten continuidade coa EDG2030”. Resaltou que no último Índice de Competitividade Rexional da Comisión Europea, Galicia “está bastante por enriba da media comunitaria en preparación tecnolóxica, cunha puntuación de 123,8 (na que 100 é a media das rexións da UE)”.
Un pouco de historia
Fundada en Asturias en 1969, Seresco abriu as portas da súa sede en Vigo no ano 1973, convertendo a nosa terra na primeira delegación da tecnolóxica decana a nivel nacional. Ao longo destes 50 anos, Galicia e Seresco creceron da man e evolucionado grazas ao desenvolvemento tecnolóxico.“Para nós Galicia supón unha praza clave”, explican dende a empresa, poñendo o foco no papel que xoga a sede galega de Seresco como “motor de cambio e centro de innovación para proxectos de carácter nacional e internacional”. Dende Galicia, sinalan, “levamos a cabo grandes innovacións en materias como a agricultura de precisión e a dixitalización de procesos, o que permite ás empresas, autónomos ou pemes realizar o seu traballo dunha maneira máis sinxela”. Neste punto Seresco destaca a súa “ampla colaboración da administración autonómica”, quen confiou á tecnolóxica asturiana proxectos e iniciativas “de gran calado”, sendo algunhas adquiridas e empregadas polo Ministerio de Agricultura e outras comunidades autónomas.
“Esta sinerxía entre administracións e empresas locais”, engade a compañía, “non sería posíbel sen os 70 traballadores cos que conta Seresco en Galicia, comunidade que achega unha quinta parte da facturación total da compañía, cuxa cifra anual situouse nos 34 millóns de euros en 2022”.