Seresco comparte as vantaxes que debemos coñecer sobre a hiperautomatización
mércores, 11 de decembro do 2024
A empresa tecnolóxica Seresco, con sedes en cidades como Oviedo (sede central), Madrid ou Vigo, quixo compartir con nós, nesta recta final de ano, unha serie de claves sobre as vantaxes de hiperautomatizar os procesos internos das nosas empresas, unha nova aposta de transformación que facilita a toma de decisións e a eficiencia ao prescindir do traballo manual en tarefas sinxelas e repetitivas. Tamén nos axuda a reducir a marxe de erro e a axilización de procesos.
Fontes de Seresco explican que “a chegada de solucións disruptivas, como a Intelixencia Artificial, propiciou un cambio de paradigma na xestión empresarial, que permite automatizar accións rutineiras para mellorar o rendemento e a eficiencia”. Seguindo este fío e indo un paso máis alá, xorde o concepto de hiperautomatización como sistematización de todos os procesos dunha compañía de inicio a fin.
No seu informe, Seresco trae a colación un estudo de Strand Partners, onde se fai saber que máis do 91% das empresas españolas recoñece o papel fundamental da tecnoloxía nos seus obxectivos de crecemento a cinco anos, que o 36% xa a adoptou no seu sistema de traballo e que o 72% afirma que a decisión tivo un impacto positivo nos seus ingresos. Con todo, explica a empresa asturiana, “a pesar deste aumento xeneralizado da conciencia sobre a importancia da tecnoloxía, tan só unha pequena parte das compañías españolas incorporou a automatización en todas as fases do seu proceso produtivo”.
Para concienciar sobre os beneficios da adopción da hiperautomatización, os expertos de Seresco elaboraron un decálogo no que se recollen as 5 vantaxes de implementar a hiperautomatización nos procesos das empresas:
-
Aumento da eficiencia: a hiperautomatización combina tecnoloxías avanzadas como a Intelixencia Artificial e a aprendizaxe automática para optimizar fluxos de traballo complexos. A incorporación destas tecnoloxías aumenta de xeito significativo a produtividade e a eficiencia xeral da empresa. A modo de exemplo, en procesos de nómina, os sistemas automáticos permiten o procesamento dos pagos, tendo en conta datos como as horas traballadas, deducións, bonificacións e outros factores sen intervención manual.
-
Redución da marxe de erro: os sistemas automatizados seguen regras precisas e consistentes. Por iso, son capaces de procesar grandes cantidades de datos cunha exactitude superior ás capacidades humanas, especialmente en tarefas repetitivas e complexas. Por exemplo, unha compañía pode sacar proveito desta solución ao revisar miles de transaccións en segundos e detectar anomalías que poderían pasar desapercibidas á vista.
-
Axilización de procesos: delegar as actividades repetitivas á automatización permite a execución rápida e fluída de procedementos complexos, o que resulta nunha maior velocidade de operación, así como tempos de resposta máis curtos, permitindo que o funcionamento interno poida fluír con maior rapidez. Como exemplo, na xestión de consultas internas, o departamento de Recursos Humanos pode optar por un sistema automatizado para resolver problemas comúns de maneira automática e redirixir a un traballador cando sexa necesario.
-
Mellora na toma de decisións: a hiperautomatización permite recompilar, procesar e analizar grandes cantidades de datos en tempo real, proporcionando solucións precisas a partir dunha visión holística e actualizada do negocio. Ao integrar información de todas as partes do ciclo produtivo, os responsábeis empresariais poden tomar decisións baseadas en evidencias sólidas. Por exemplo, en procesos de contratación, os sistemas automatizados poden seleccionar os candidatos máis adecuados para unha vacante en base ao currículo.
-
Redución de custos: a pesar de que o investimento inicial adoita ser substancial, automatizar tarefas repetitivas e optimizar procesos permite reducir o gasto operativo. Isto lógrase a través da diminución de erros custosos e a mellora na asignación de recursos, o que se traduce en aforros significativos a longo prazo. Podemos velo reflectido na optimización das cargas de traballo, podendo identificar se os traballadores existentes están ben aproveitados ou se é necesario ampliar o persoal.