Seresco facilita a actividade dos Recursos Humanos con cinco claves tecnolóxicas
luns, 8 de xullo do 2024
A empresa tecnolóxica Seresco presentou este mes de xullo unha serie de recomendacións para facilitar a actividade profesional das persoas e os equipos responsábeis dos departamentos de Recursos Humanos nas empresas. A escolma pon o foco nas circunstancias específicas desta tempada estival, destacando entre todas elas unha circunstancia: as pagas extra de verán. Segundo resume a empresa asturiana, “contar con plataformas tecnolóxicas de vangarda, analizar e interpretar os datos dos empregados ou dispoñer dun software de xestión de nómina flexíbel son as principais claves a ter en conta”.
Seresco explica que “para os traballadores a paga extra sempre é motivo de alegría porque as vacacións e o bo tempo adoitan implicar gastos extras; con todo, para o equipo de Recursos Humanos de moitas organizacións pode supoñer un auténtico reto se non xestionaron as nóminas con precisión durante todo o ano para chegar a xuño cos deberes feitos; ademais, as compañías sofren unha caída na facturación durante os meses de verán, o que pode complicar máis aínda a situación”.
Seresco, firma experta en transformación dixital e outsourcing de nóminas, puxo de relevo cinco claves que todo director de Recursos Humanos (DHR) debe considerar para ter a tranquilidade de que a paga extras chegue en tempo e forma aos traballadores sen ningunha incidencia:
1.- Se se conta cun provedor para a externacionalización das nóminas, tanto o departamento de RRHH como o de Contabilidade dispoñerán de máis tempo e recursos para enfocarse en tarefas estratéxicas como a xestión do talento. Neste sentido, o estudo Talent Trends 2024 de Michael Page recolle que un 53% dos traballadores considera o salario como o factor máis determinante ao avaliar novas oportunidades laborais ou permanecer na súa empresa. Así mesmo, o 62% considera crucial manter un soldo competitivo para fidelizar o talento. “Por este motivo, é fundamental enfocarse nestas tarefas de retención, non só para mellorar a eficiencia da organización, senón tamén para aumentar os seus beneficios”, explica a empresa tecnolóxica.
2.- Contar con plataformas tecnolóxicas de vangarda é clave para a área de Recursos Humanos. “Estas ferramentas non só garanten o cumprimento de todas as normativas, senón que tamén manteñen altos niveis de seguridade na xestión de datos”, engade Seresco.
3.- Interpretar e analizar os datos dos empregados de maneira eficiente é crucial para o equipo de RRHH e tamén para os propios empregados. Segundo o último informe de Gallup State of the Global Workplace 2024. The voice of the world’s employees, unha cuarta parte dos traballadores españois experimenta tristeza a diario e o noso país é o terceiro de Europa con menos compromiso laboral. “Un cadro de mando que facilite o tratamento axeitado dos datos será esencial para tomar decisións informadas que fomenten o compromiso e a produtividade, así como a consecución de obxectivos corporativos”, apunta Seresco.
4.- O feito de que os traballadores poidan autoxestionar trámites como cambios en datos bancarios, solicitudes de vacacións ou xestión de pagas extras, aforra tempo ao departamento de RRHH en tarefas administrativas arduas e de escaso valor.
5.- Contar cun software de xestión de nómina flexíbel e capaz de adaptarse á evolución e crecemento da organización é “a vía máis directa para minimizar erros, facilitar a automatización de procesos e o cumprimento da lexislación laboral, entre outras vantaxes”, sinala a empresa TIC.
Sandra Botas, directora do departamento de Xestión de Persoas de Seresco engade o seguinte: “Externalizar a nómina optimiza a operativa diaria de calquera organización e achega un importante valor engadido ao asegurar a conformidade legal e a seguridade dos datos. Ademais, facilita a autoxestión dos empregados e proporciona ferramentas avanzadas para a toma de decisións informadas. Esta estratexia pode marcar unha gran diferenza na eficiencia e o éxito da xestión de Recursos Humanos en calquera organización”.