Seresco, finalista nos European Small & Mid Cap Awards 2024
martes, 22 de outubro do 2024
Seresco, compañía asturiana especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital, foi seleccionada como unha das doce compañías finalistas da 12ª edición dos European Small & Mid Cap Awards 2024. A tecnolóxica participa na categoría Rising Star, que destaca ás pemes que demostraron un rendemento sobresaínte e contan cunha capitalización de mercado de ata 200 millóns de euros.
Estes galardóns foron creados en 2013 pola Comisión Europea, EuropeanIssuers e a Federación Europea de Bolsas co obxectivo de promover as boas prácticas das pequenas e medianas empresas europeas.
Nesta edición, as entidades seleccionadas, elixidas entre as pemes máis dinámicas que saíron a Bolsa durante o período 2022-23, foron destacadas, por un xurado independente e experto, polos seus sobranceiros resultados nas diferentes categorías. Os gañadores serán revelados durante unha cerimonia que se celebrará o 19 de novembro de 2024, como parte da Asemblea de Pemes da Comisión Europea en Budapest, Hungría.
Para Seresco, “este recoñecemento, o primeiro da compañía no ámbito internacional, pon de manifesto o bo facer da nosa empresa; ser finalistas nuns galardóns da relevancia do European Small & Mid Cap Awards demostra que a empresa está aliñada coas mellores prácticas e estándares europeos, o que non só reforza a confianza de investidores e stakeholders, senón que tamén confirma que Seresco avanza polo camiño correcto en termos de estratexia e xestión financeira”. Ademais, engaden, “este nomeamento diferencia a Seresco dos seus competidores, subliñando o seu liderado en áreas clave como a tecnoloxía, a xestión de riscos e a expansión estratéxica”.
O crecemento reflectido nos últimos anos deu lugar a este nomeamento
A compañía asturiana deu o chimop ao BME Growth en decembro do 2022 e desde entón a súa traxectoria mantivo unha dinámica ascendente. Seresco anunciou en abril os seus resultados para o exercicio fiscal 2023, onde obtivo unha facturación de 42 millóns e uns beneficios de 2,1 millóns de euros. Estes ingresos supoñen un aumento respecto á cifra o exercicio pasado do 23%. Ademais, o EBITDA axustado creceu un 21%, ata os 5 millóns de euros. Con estes resultados a compañía encarrila o seu obxectivo de facturar 68,3 millóns no 2025.
Ademais, a organización emprega a máis de 1.000 profesionais, a maior parte deles en Asturias, o que se aliña coa idiosincrasia da compañía: crear valor desde España e para España. Nesta mesma liña súmaselle unha asentada presenza en territorio nacional, como decana tecnolóxica, a entidade cumpriu o ano pasado 50 anos na súa delegación de Vigo e este 25 nas sedes de Madrid e Barcelona.