Sesións Destelo inicia segunda tempada co reto de encher a Rede de música galega

mércores, 14 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O proxecto para Internet de sesións musicais acústicas en galego, Sesións Destelo, vén de iniciar a súa segunda tempada. Así nolo contan os impulsores desta iniciativa, dispoñíbel na web Destelo.gal e con data de estrea oficial (esta segunda tempada) este 16 de febreiro, co lanzamento do primeiro dos vídeos desta nova andaina, da man da cantautora MJ Pérez, gravado “unha xornada de néboa nunha mañá de inverno en Arzúa”. O proxecto ten ás súas costas o mellor dos precedentes: o ano pasado foi quen de contar coa participación de media ducia de agrupacións musicais dos estilos máis diversos, interpretando as súas creacións en lugares singulares e tradicionalmente pouco empregados para interpretacións musicais e a súa posterior visualización na Rede.

A cantautora MJ Pérez interprentando unha canción de seu nun día de néboa en Arzúa

Logo da estrea deste 16 de febreiro iranse dando a coñecer, paseniño, os outros proxectos participantes. Os responsábeis de Destelo agardan que esta segunda tempada, que vai de febreiro até abril, supere a cifra dos seis vídeos que compuxeron a primeira. Entre sesión e sesión iranse publicando nas redes do proxecto contido audiovisual adicional, así como tamén o contido que conforma o miolo do proxecto.
O proxecto foi inaugurado hai oito meses da man de Alberto Busto. Dende aquela, sinala, “todo foron boas novas”. Por exemplo, conseguiuse chegar á cifra das 2.500 reproducións dos vídeos acubillados e xuntar, a maiores, máis de 1.500 usuarios únicos na comunidade web de Destelo. “Con estes datos témolo claro”, sinalan, engadindo, que estas cifras non fan máis que confirmar que “a música en galego interesa, e queremos ser un dos seus altofalantes, a escusa para que a xente se achegue a ela; cada vez son máis os grupos que queren saír do ourizo!”
Segundo explican acerca do peculiar formato elixido, “desta volta a realización dos vídeos é máis simple que nunca, e se nas primeiras propostas contábamos cunha pequena edición de vídeo, esta redúcese agora ao mínimo para gozar da canción tal e como foi interpretada”. Por ese motivo as novas sesións virán en plano-secuencia, sen cortes, un tipo de formato que afonda e amplía a estética simple e directa do proxecto.

Un proxecto cultural por e para Internet

Sesións Destelo, en palabras dos seus creadores, é un proxecto sen ánimo de lucro que ten como obxectivo facer promoción dos proxectos musicais que inclúen cancións en galego no seu repertorio para así “poñer en valor a lingua propia fronte á inxente cantidade de medios de comunicación que non programan música no noso idioma”. É, engaden, “un produto dos nosos días, nacido para ser publicado nas redes e que outorga moita importancia tamén á comunicación nas mesmas”. De aí que teñan presenza en Facebook, no Twitter, no Instagram, no YouTube ou mesmo en LinkedIn.

Resumo da primeira tempada das Sesións Destelo

PUBLICIDADE