Setembro tráenos dende Vigo a segunda edición da conferencia de desenvolvedores PulpoCon22

xoves, 23 de xuño do 2022 S. P.

O ecosistema tecnolóxico vigués (VigoTech Alliance), a través de CraftersVigo e a Asociación Tecnolóxica A Industriosa, organizan unha conferencia anual para desenvolvedores de software de toda España e Portugal. Trátase da segunda edición de PulpoCon22, que se celebra entre o 1 e o 3 de setembro en Vigo, xuntando relatores e relatoras de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional.
Antecedentes
Na súa primeira edición en 2019 asistiron máis de 200 persoas e logrouse un importante impacto e recoñecemento no sector a nivel nacional. Os obxectivos son múltiples: fomentar as boas prácticas de desenvolvemento, compartir coñecemento, fomentar o networking, atraer talento e dar a coñecer as capacidades de Galicia en canto ao desenvolvemento de software.
Esta conferencia está organizada por Rolando Caldas, Patricia Malvido e Sergio Carracedo, recoñecidos integrantes da comunidade de desenvolvemento en Vigo, que traballan de forma desinteresada neste proxecto para tratar de dar a coñecer o talento galego no mundo.
Será na sede de AFundación e o programa inclúe obradoiros e conferencias.
Galifornia
En palabras do equipo de organizadores, o obxectivo é poñer a Galicia (ou Galifornia, como recordan que é coñecida no sector, en alusión ao importante peso que está a ter o sector na nosa terra) como referente a creación de software mundial.
Para garantir e fomentar a diversidade, conseguiuse un cartel de relatores paritario, composto por 10 mulleres e 8 homes, seleccionados polo seu talento e recoñecemento. Ademais, poranse a disposición dos colectivos habitualmente “infrarrepresentados no sector” entradas totalmente gratuítas, coñecidas como entradas Diversity.
Tras o éxito da primeira edición, nesta segunda, engádense ao programa obradoiros prácticos de testeo, código limpo, devops, entre outras temáticas, impartidos por profesionais da talla de Carlos Buenosvinos (CTO de Seat:Code), Christian Soronellas (co-autor do libro de DDD), Isabel Garrido e Verónica Flores (Seat:Code), Gemma Jorba (Pridatect), Rosa Ferrando & David Macia (Nextail), Lucía Díaz Rodríguez e az González De la Fuente (Gradiant)
No relacionado coa conferencia, o cartel é variado en canto a temáticas con relatorios sobre Intelixencia Artificial e Machine Learning, Computación na nube e dispositivos embebidos, tesiing, frontend, etc. impartidos por: Ana Fernández Del Rio (directora de investigación en ciencia de datos, en Benshi.ai), Eloy Coto Pereiro (RedHat/IBM), Paula Julve (Form3), Nuria Soriano (CodelyTv), Concha Asensio (Codiumteam), Ricard Clau (Contract), ademais dun espectáculo “sorpresa” para o peche da conferencia.
A conferencia conta con recoñecidos patrocinadores do sector tecnolóxico, como Cabify, Twilio, Nextail, NewRelic, Boardfy, Benshi.ai, o centro tecnolóxico galego Gradiant, Siteground, Arengu, Hackaboss, Ulteria, Auth0, Marine Instruments. O prezo das entradas arrinca en 20 euros para asistir as conferencias (40 euros incluíndo a comida no propio recinto)

PUBLICIDADE