Sistema de autodestrución para escorrentar espías dos computadores

xoves, 22 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Esta tecnoloxía da que falamos agora aquí é ideal se temos o computador cheo de imaxes nosas vestidos de cabareteiras ou con ligas e chapeu de chistera. Ou sexa: que teremos un disco duro que non nos gustará nadiña que nolo toquen. Polo tanto, este sistema chamado WT-Infoward II recupera para o noso solaz e tranquilidade aqueles tempos nos que nas historias de espías os achados de contidos descubertos de súpeto sempre remataban do mesmo xeito: “Esta mensaxe autodestruirase en vinte minutos”. Iso é basicamente o que lle espera ó curioso/a que queira descubrir que tal nos acaía o traxe de cupletista no Entroido pasado: a destrución dos datos, en so 0,2 segundos (o tempo en que abre e pecha os ollos con abraio o aprendiz de espía).
En realidade, o tempo de destrución é variable porque, como ben se nos informa en Pixelydixel, a supresión dos datos tardará 0,5 segundos se o computador está inclinado 20º respecto á súa posición habitual, detalle que cómpre ter moi en conta (aínda que non sabemos moi ben para que). O caso é que o sistema é un novo xiro (cun claro aquel de radicalidade) nesa teima que hoxe en día teñen usuarios, institucións e empresas de protexer a información a toda costa, coma se se lles fose a vida niso, en troques de compartila. O equipo conta cunha batería autónoma que fai que non requira estar enchufado á toma eléctrica durante unha xornada enteira. Con isto ponse freo ó posible ladrón de datos, que se é quen de sumar dous máis dous chegará á conclusión de que o mellor que pode facer é desenchufar todo o computador.
Mais, se fai isto (he, he), o sistema de autodestrución activarase igual.
A non ser que sexa paciente e teña os c... de agardar 24 horas ó carón do computador.
Por certo, o equipo de seguridade pesa oito quilogramos e custa 1.269 dólares. Iso si que é autodestruírse.

PUBLICIDADE