Sitúan como exemplo de dixitalización ao grupo galego Jim Sports, galardoado co Premio CEL-ABANCA

venres, 16 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O grupo galego Jim Sports, que ten na Rede o meirande inventario deportivo do mercado estatal, recibiu esta semana o Premio ao Emprendemento da Fundación CEL e ABANCA, segunda edición. O recoñecemento veu dado, en palabras das dúas entidades, “pola súa aposta constante pola innovación e a expansión internacional, que lle serviron ao grupo para converterse nunha empresa punteira con capacidade para chegar os seus artigos deportivos a unha chea de países dende a provincia de Lugo”.
A entrega do galardón contou coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada e varios empresarios do Consello da CEL e representantes de ABANCA. O acto celebrouse nas instalacións de Jim Sports Technology en Palas de Rei.
Eduardo Valín, conselleiro delegado da CEL, salientou do grupo empresarial galego a súa posición na vangarda do sector e a súa visión de futuro, “coa innovación por bandeira”.
Pola súa banda, o conselleiro situou a Jim Sports como exemplo de aposta pola dixitalización, unha aposta que, xunto coa formación, “é o reto do novo modelo económico”. Segundo engadiu, “Jim Sports amosa que ten unha clara visión estratéxica en termos de innovación, de loxística e de internacionalización”, ao tempo que enxalzou o seu carácter referencial como exemplo de “de até onde se pode chegar apostando pola calidade e a innovación”, ademais da mostra “de que desde calquera polígono industrial de Galicia é posíbel medrar como empresa e abranguer novos mercados”.
Jim Sports é unha empresa que conta cun persoal de ao redor dun centenar de persoas, algunhas das cales veñen de incorporarse tras a posta en marcha das súas novas instalacións en Palas de Rei, que ocupan actualmente uns 10.000 metros cadrados e que se ampliarán en 22.000 máis no período 2018/2019 (toda a fase 2 do polígono industrial de Palas de Rei). Exporta xa a máis de trinta países e conta cunha decena de marcas propias, especializadas en diferentes deportes. Ademais, ten un mercado compromiso social e medioambiental.

O Premio

O Premio CEL-ABANCA, dotado con 1.500 euros, ten por obxectivo “impulsar e dinamizar a cultura emprendedora e o tecido empresarial na provincia de Lugo”. O pasado ano, na súa primeira edición, recaeu en Miramar Cruises, axencia en liña de viaxes en cruceiro impulsada dende o viveiro de empresas da Fundación CEL, Iniciativas por Lugo.
Jim Sports, pola súa banda, destinará integramente a dotación do premio a dúas entidades coas que colabora activamente nos últimos anos: Médicos Sen Fronteiras e a Fundación HBL, creada por Jim Sports para o apoio á nenez en situacións de pobreza e subdesenvolvemento.

PUBLICIDADE