Slurpr permite conectarse a 6 redes Wi-Fi simultaneamente

mércores, 30 de maio do 2007 Marcus Fernández

Cada día resulta menos sorprendente acender o ordenador portátil nalgún lugar afastado do noso domicilio e descubrir que temos acceso á Internet porque no contorno hai algunha rede Wi-Fi aberta, e nalgún caso incluso podemos atopar varias redes a elixir, polo que hai quen aproveita este tipo de situacións para ter acceso á Rede de balde.
Pensando no asunto, Mark Hoekstra, deduciu que sería moi práctico conectarse a varias das redes abertas de xeito simultáneo, para poder así acceder á Rede á maior velocidade posible. Tras esta reflexión, Hoekstra deseñou un novo dispositivo, o Slurpr, que é un sistema baseado en Linux ó que se incorporan varias interfaces Wi-Fi.
O núcleo do invento é unha placa base Routerboard 532A á que se conectan 6 tarxetas Senao/Engenius SL 5354MP, polo que serviría para conectarse ata a 6 redes Wi-Fi, pero non só nas sinxelas redes abertas, senón que tamén podería servir para conectar coas nosas redes protexidas mediante WEP de ata 128 bits.
Koekstra permite encargar o curioso trebello por 999 euros e, aínda que non parece que se vaia a converter nun éxito en vendas, non deixa de ser un invento moi orixinal.

PUBLICIDADE