Smart GalApps debulla as utilidades de SmartPromo para asociacións e Cidades Intelixentes

xoves, 26 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

Este mércores celebrouse no Centro Demostrador TIC unha máis que completa xornada sobre solucións galegas de mobilidade. A idea era dar a coñecer as posibilidades destas tecnoloxías no ámbito da xestión e a competitividade. Entre as ferramentas dadas a coñecer figurou SmartPromo, unha solución da que xa falamos xa falamos polo miúdo en Código Cero e que consiste nunha plataforma para crear (dende unha cooperativa, unha asociación, unha agrupación empresarial, unha Cidade Intelixente) unha aplicación móbil propia destinada a facer promoción e captación de clientes ou membros (por exemplo a través de convites para participar en eventos, descubrir espazos de actividade e ofertas). A presentación de SmartPromo veu da man de Xurxo Méndez, de Smart GalApps. Previamente Xurxo púxonos ao tanto dun exemplo concreto de aplicación práctica de tecnoloxía presentada. Trátase da posta en marcha da ferramenta móbil da iniciativa Que facer en Vigo?
Esta ferramenta móbil (froito dunha colaboración entre responsábeis deste servizo de información da cidade olívica e Start Up Solucións) constitúe un fortalecemento da actividade xerada dende 2009 por Que facer en Vigo?, unha adaptación plena aos novos tempos (novos tempos de mobilidade) do seu labor de promoción de lugar, eventos e locais da cidade. Para dar forma á aplicación (dirixida en palabras dos seus responsábeis a “informar de todos plans de lecer e cultura da cidade para todos os públicos”) botouse man da tecnoloxía de SmartPromo presentada este mércores en Santiago por Xurxo Méndez, que fixo fincapé, precisamente, no amplo abano de posibilidades de información, comunicación e promoción da tecnoloxía Smart GalApps. Segundo fixo saber, estamos ante unha plataforma deseñada ao detalle (para iPhone e Android) que fornece unha ampla marxe de aplicabilidade (é válida para calquera sector), de deseño, de usabilidade e, tamén de calidade.
A diferenza das apps xa existentes no mercado dentro deste ámbito, Méndez fixo saber que SmartPromo salienta por ser útil e doada de empregar ao tempo que destaca polo seu compoñente estético e visual. Ademais, dixo, nin é finita, esgotándose ao pouco de usala, nin é estática (ofrece cousas diferentes cada vez que a abrimos, polo que traballa incrementando o noso interese como usuarios e, tamén, no noso mantemento no tempo como usuarios).
“Non é casualidade”, dixo, “que todos os grandes da Internet aposten polas aplicacións nativas, isto quere dicir que cando se fai algo para Android, prográmase para Android, e que cando se fai algo para iOS, prográmase para iOS”. Neste senso, lembrou que SmartPromo tamén facilita a creación dunha aplicación nativa para os devanditos sistemas operativos, ferramenta que os usuarios poden descargar nos seus dispositivos e que os asociados da entidade que a contrata poderán administrar "de xeito doado" a través dun panel de control. Este panel, por certo, permite facer cousas como xestionar os contidos presentes na aplicación, consultar as estatísticas de uso e analizar o comportamento e a resposta dos clientes.
Segundo lembrou, as ferramentas móbiles creadas con SmartPromo permiten que tanto asociacións de hostalería, turismo, cultura, comercio, lecer... ou administracións públicas poidan crear unha comunidade social móbil de seu cos clientes e usuarios, “e mesmo é posíbel que os asociados poidan programar avisos aos seus clientes a través de notificacións push, incrementando a súa visibilidade”.

PUBLICIDADE