Smart Green Labs (Itelsis) implanta con éxito o sistema de telexestion de redes electricas Sismored
xoves, 28 de setembro do 2017
O
noso sector da enerxía smart ferve
de espírito innovador, e Smart
Green Labs, empresa do
grupo compostelán Itelsis, é
bo exemplo disto. Dende Smart Green Labs desenvólvense solucións
tipo Scada
para o sector eléctrico en xeral (smart grids),
para o sector industrial (solucións M2M) e para o sector terciario
(control e xestión telemática de equipos e infraestruturas
globais). A iniciativa ten a súa orixe na constatación dun feito: a
evolución do sector enerxético cara un ecosistema máis
distribuído, descentralizado e competitivo, onde os consumidores
xogan un papel cada día máis activo. Segundo nos contan dende
Itelsis, isto ten como consecuencia unha demanda clara: aumentar a
eficiencia do sector enerxético en termos de custes e calidade de
servizo. Para acadalo, engade a empresa galega, “é precisa a
modernización das redes eléctricas introducindo novas Tecnoloxías
da Información e Comunicación (TIC) con vistas ao seu control e
xestión, seguindo a liña marcada polas smartgrids”.
Un
exemplo desta introdución eficaz das TIC no ámbito das redes
eléctricas é o sistema de seguimento de rede Sismored,
achegado por Smart Green Labs. A través del, os clientes do sector da distribución eléctrica
poden dispor e ofrecer un servizo máis automatizado, eficiente e
fiábel. Segundo puidemos saber, a progresiva implantación deste
sistema nas empresas está a facer que as súas redes de distribución
(grids) deixen de ser
pasivas e se convertan en redes intelixentes (smart grids).
A súa función principal é proporcionar intelixencia ás redes
eléctricas, posibilitando
a monitoraxe e o intercambio de información entre os centros de
transformación e o centro de control das empresas eléctricas. “É
unha plataforma orientada a dispor en tempo real de información
sobre a calidade da subministración, e á posibilidade de actuación
en remoto sobre a rede”, explican dende Smart Green Labs, engadindo
que esta posibilidade de dispor de información de calidade en tempo
real permite cousas como reducir custes de explotación, facer
diagnósticos previos e diminuír intervención correctivas e
preventivas, efectuar control a distancia de sobrecargas en
diferentes puntos, controlar a enerxía consumida coa que localizar
perdas ou fraudes na instalación, supervisar en tempo real os
centros de transformación ou informar de continuo da calidade do
servizo.
Ademais,
Sismored ofrece un amplo rango de medidas, permitindo así obter unha
visión clara e comprensiva da instalación eléctrica mediante
gráficos (en tempo real ou históricos), listaxes de eventos
acontecidos nun rango de tempo configurábel, informes, etc, que
permiten
ao operador levar a cabo un mantemento preventivo das súas
instalacións, habilitando á súa vez un exhaustivo control na
calidade de subministración eléctrica. Toda esta supervisión
poderá ser realizada desde as propias instalacións da compañía,
centro de traballo, oficina, ou ben desde calquera punto con conexión
a Internet accedendo directamente ao sistema de telexestión.
Características
xerais
Sismored
é unha plataforma de telemedida e telecontrol de centros de
transformación e distribución de
enerxía. Permite a
visualización en tempo real de
infraestruturas remotas e
facilita o seu seguimento
desde calquera dispositivo (tableta,
teléfono intelixente,
portátil). Ademais,
garante funcións básicas de
protección asegurando unha rápida resolución do problema, grazas
ao telecontrol e automatización no seccionamento e no peche. Dispón
ademais de envío de avisos (vía SMS ou correo
electrónico) ante calquera
alarma na Rede.
Por
outra banda e amplificando o devandito, dispón de medida de
parámetros de calidade da rede (supervisión de harmónicos de
tensión e corrente, factor de potencia) e ferramentas para a
elaboración de informes (grazas ao almacenamento de todos os
parámetros medidos). A maiores, é unha ferramenta adaptábel a todo
tipo de contornas diferentes e con capacidade de evolucionar e
desenvolverse, achegando a máxima compatibilidade con equipos dunha
chea de fabricantes.
Casos
de éxito
Entre
as empresas nas que foi implantando con éxito este servizo atópase
UDESA, compañía de
distribución de enerxía eléctrica con máis de 8.500 clientes
distribuídos en 350 CT de transformación, na
que se instalou unha plataforma Sismored con equipamento de
telemando e telemedida nos CT da rede. Para
o sistema de visualización habilitouse
un vídeo-wall no
centro
de control,
cunha resolución de 3.240 x 1.920 pixeles e
no que se representa a
información de toda a rede de distribución.
Outra
das firmas que gozan xa desta tecnoloxía é Electra
de Santa Comba, unha empresa de
distribución de enerxía eléctrica con máis de 4.600 clientes e
que dispón dunha subestación
propia
e máis de 100 CT. Arestora
dispón do sistema Sismored con
equipamento de telemando e telemedida nos centros de distribución
máis importantes da eléctrica, nos cales se integraron entre outros
recursos, cabinas
de seccionamento,
analizadores
e relés.
Ademais, neste proxecto integrouse unha subestación
de MT completa. A maiores e aproveitando as sinerxías do Grupo
Itelsis, deseñouse e
instalouse unha rede
de fibra
óptica
con máis de 10 quilómetros
de lonxitude para comunicar os diferentes CT e a subestación
co centro
de control.
Aos
devanditos casos de éxito engádense (entre outros) os de Eléctrica
Los Molinos (empresa
distribución de enerxía eléctrica con máis de 3.500 clientes,
unha subestación
propia e máis de 100 CT e
varios puntos
fronteira)
e Electra del Gayoso (firma de
distribución de enerxía eléctrica con máis de 50 CT de
transformación e dous puntos
de fronteira).