SmartPEME móstranos esta semana como acadar a máxima visibilidade en liña do noso negocio

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da iniciativa de formación TIC SmartPEME, prosegue esta semana coas súas diversas e complementarias actividades de capacitación tecnolóxica para pequenas e medianas empresas, profesionais e persoas autónomas da provincia. Estes días achegaranse a través de aula virtual tres novas accións formativas. Versarán sobre as estratexias dixitais da mercadotecnia social, como mellorar o posicionamento web con Google Search Console e a contratación e renovación de dominios web.
En concreto, este martes 14 impartirase o obradoiro Marketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector, no que o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández, revisará as principais estratexias en liña, ferramentas e canles dispoñíbeis para funcionar no ámbito dixital, atendendo aos principais obxectivos e necesidades de cada negocio.
O mércores 15, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console, obradoiro no que explicará en que consiste esta ferramenta, os primeiros pasos para configurala, como mellorar os aspectos de procura e aumentar o tráfico dunha páxina web e outras funcións importantes para a súa optimización.
Para finalizar, o xoves 16, será a quenda de Aspectos chave para contratar e renovar o dominio da túa web I, onde Guillermo Nass, deseñador gráfico publicitario do Colexio Universitario Monseñor de Talavera, falará sobre que é un dominio, como pode adaptarse ás necesidades dun negocio, como aloxalos en Internet, a súa tipoloxía e a súa transferencia e renovación.

PUBLICIDADE