SmartPEME oferta esta semana catro novas accións formativas TIC

luns, 13 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana (do 13 ao 17 de novembro) catro novas accións formativas telemáticas. As actividades abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, a visualización en buscadores e redes (posicionamento SEO), a fotografía para a campaña de Nadal e a Realidade Virtual.
A primeira das xornadas comeza este luns, 13 de novembro, ás 10:30 horas co obradoiro Ciberseguridade, dispositivos móbiles. O obxectivo deste taller é dar a coñecer a importancia de protexer os dispositivos móbiles dado que estes comezan a substituír aos PC na xestión cotiá dos negocios. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D será o encargado de impartir este curso.
O martes 14 de 12:00 a 13:00 horas iníciase o obradoiro Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal, onde Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, explicará como atopar o estilo propio para resaltar neste Nadal fronte a competencia. Así, abordaranse características relacionadas coa imaxe de Nadal, os tipos de cámaras, a composición, ou, entre outras, o Atrezzo e Efecto Bokeh.
O mércores 15 de novembro ás 12:00 horas dará comezo o obradoiro Iniciación ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos, co fin de dar a coñecer os conceptos básicos que compoñen o posicionamento (SEO) para mellorar a visualización e a presenza nos principais buscadores, aumentando así o tráfico de usuarios ou clientes. Este curso será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da comunicación dixital e o mercadotecnia online.
Finalmente o xoves, 16 de novembro e entre as 12:00 e as 13:00 horas, terá lugar o taller Realidade Virtual, prepara o teu evento desde o metaverso. Este obradoiro ten como finalidade utilizar a ferramenta Horizon Workrooms e dar coñecer as súas posibilidades na realización de eventos. O encargado de dirixir este curso será o experto en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

PUBLICIDADE