SmartPEME pon o foco na ciberseguridade, nas axudas para autónomos e no uso da IA xenerativa

luns, 18 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas, oferta esta semana (do 18 ao 22 de marzo) tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades formativas abordarán, de xeito telemático, cuestións relacionadas coa ciberseguridade, as axudas a persoas autónomas e o emprego da Intelixencia Artificial.
A primeira acción formativa iníciase este luns 18 de marzo ás 10:30 horas, con Ciberseguridade. Cifrado do PC, BitLocker, a cargo do experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire. A través deste obradoiro preténdese crear conciencia sobre a importancia do cifrado de datos e de como realizalo mediante a ferramenta BitLocker.
O mércores 20 ás 11:00 horas, a técnica de asesoramento en trámites de axudas e subvencións a empresas María Agustina Pereira, dirixirá o taller Axudas e subvencións para autónomos e pemes no 2024. Trátase dunha acción formativa dirixida a espallar información sobre as axudas existentes para pór en marcha un negocio, para a súa consolidación e impulso, ou para a súa dixitalización.
O xoves 21, de 11:00 a 12:00 horas, inaugúrase un novo itinerario formativo sobre o manexo de ferramentas de Intelixencia Artificial. Desta volta será tamén Manuel Freire o docente encargado do
obradoiro Ferramentas de imaxe con IA – Stable Diffusion, Dall-E 3, outros modelos a través do cal dará a coñecer como interactuar coa IA para xerar imaxes.