SmartPeme+ inicia setembro con tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica

luns, 1 de setembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra arrinca setembro con tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), afondarán na aplicación de Canva na hostalería, o uso de Google Analitics na toma de decisións, e a impresión 3D. Cuestións que, segundo lembra a Deputación, son de gran interese para o tecido empresarial da provincia.
Este luns 1 de setembro celebrarase o obradoiro Canva para Hostalería: Deseña menús e contido para redes, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Lalín. As persoas participantes aprenderán a deseñar con Canva menús dixitais e físicos, a crear stories e posts e a personalizar estes contidos co seu estilo e cores corporativas. “Con esta ferramenta e sen necesidade de ser unha persoa experta en deseño gráfico, poderán mellorar a súa presenza en liña aforrando tempo”, avanza a Deputación, engadindo que a sesión será impartida por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, e as inscricións pódense realizar vía web.
O mércores 3 de setembro ás 12:00 horas está previsto o obradoiro Impresión 3D no 2025, Slicers actuais 4/4, OrcaSlicer coordinado pola oficina de Barro. Esta sesión abordará a creación e optimización de perfís e materiais de impresión, a fusión ou división de pezas e a aplicación de modificadores a través de OrcaSlicer, un dos programas máis potentes para preparar modelos 3D. Será impartido por Manuel Tornos, asesor do Centro para o Desenvolvemento da Impresión 3D na propia oficina, con máis de 30 anos de experiencia en novas tecnoloxías e transformación dixital. A sinscricións xa están abertas.
Por último, o xoves 4 de setembro tamén ás 12:00 horas a oficina de Porriño desenvolverá o obradoiro Google Analytics para a toma de decisións. Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con máis de 8 anos de experiencia en proxectos web, ensinará como empregar Google Analytics para medir o comportamento dos usuarios e transformar os datos do noso sitio web en coñecemento para tomar mellores decisións de negocio. As persoas interesadas poden inscribirse en liña.