Smartiago colle novo impulso coa entrada en xogo da UDC

venres, 31 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O proxecto Smartiago do Concello de Compostela segue a recadar colaboradores e co-impulsores, logo da incorporación á iniciativa da USC, achegando a súa experiencia investigadora recente en tecnoloxías smart. Agora, o proxecto do Goberno local para crear unha cidade máis sustentable, eficiente, intelixente e mellor xestionada e comunicada, materializado a través da fórmula da compra pública innovadora, vén de obter novos azos coa adhesión da Universidade da Coruña, que foi formalizada onte polo alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da UDC, Julio Abalde.
Na sinatura do convenio de colaboración Abalde e Noriega salientaron “a oportunidade que supón este programa para que o coñecemento xerado no Sistema Universitario Galego sexa aproveitado polas institucións públicas e polo conxunto da sociedade”.
Segundo explicou o rexedor, o convenio asinado onte complementa o acordo formalizado hai uns días coa Universidade de Santiago, porque “o coñecemento xerado polas nosas universidades é fundamental para o bo funcionamento das institucións públicas”, e, tamén, “porque o acordo coa UDC permitirá chegar a algúns ámbitos nos que a USC sinalou que non podería atender”.
Pola súa banda, Abalde mostrou a súa ilusión cos resultados dos traballos a desenvolver, “xa que Smartiago é un proxecto que vai ser referencia, non só en Galicia senón tamén a nivel internacional". Julio Abalde defendeu a necesidade de que o Sistema Universitario de Galicia “traballe de forma colaborativa ao servizo do país”, e de que cada universidade colabore con todas as institucións posibles, “máis alá do seu ámbito xeográfico máis próximo”.
Proxecto Smartiago, referente galego e estatal
Segundo lembrou o Concello no acto celebrado coa UDC, Santiago foi a primeira cidade do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER para o fomento da compra pública innovadora.
Na primeira fase do proxecto, cun prazo estimado de catro anos, procurarase o desenvolvemento de solucións innovadoras para as tres liñas estratéxicas definidas no programa: xestión sustentable e intelixente dos residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente sustentable e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. O Goberno local xa ten presentadas estas liñas na Universidade de Santiago, co “obxectivo de que os seus grupos de investigación traballen nas solucións innovadoras que se poderían aplicar”.
Despois da primeira fase, e “de conseguir solucións satisfactorias”, o Concello implantaríaas nos servizos municipais, converténdose en primeiro cliente dos grupos de investigación e, ao tempo, en socio parceiro que cobraría royalties se outras administracións contratan as mesmas tecnoloxías.