Somos Cibernéticas busca fomentar o talento feminino no ámbito da ciberseguridade

xoves, 24 de abril do 2025 Redacción

A AMTEGA organiza a cuarta edición do encontro Somos Cibernéticas, unha iniciativa centrada en fomentar o talento feminino no ámbito da ciberseguridade. A cita terá lugar o vindeiro 6 de maio no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura e contará coa participación de arredor de 60 estudantes de 4º da ESO, sendo posible seguir o evento a través de streaming previa inscrición.
O principal obxectivo do evento é espertar o interese das mozas polo sector da ciberseguridade, dar a coñecer as súas saídas profesionais e axudar a reducir a fenda dixital de xénero.
A xornada será inaugurada pola AMTEGA e dará paso á conferencia Rompendo códigos e barreiras: o talento feminino en ciberseguridade, a cargo de Pilar Vila, recoñecida experta en ciberseguridade e análise forense dixital. Enxeñeira informática, Vila é directora xeral e cofundadora de Forensic & Security, ademais de formar parte activa de Women4Cyber. Na súa intervención, abordará a súa traxectoria profesional, a relevancia do papel da muller no sector e ofrecerá consellos ás novas xeracións que queiran iniciarse neste eido.
Tras o relatorio, os participantes enfrontaranse a cinco desafíos prácticos deseñados por mulleres especialistas en ciberseguridade e protección de datos.
As profesionais que guiarán estes desafíos son Olalla Rama, especialista en xestión de vulnerabilidades; Mireia Martí, especialista en seguridade ofensiva e automatización; Conchi Fernández, experta en seguridade perimetral e do posto de traballo; Jenny Correia, consultora en gobernanza, riscos e cumprimento; e Lidia Molina, avogada especializada en protección de datos e dereito dixital.