Sony abandona a fabricación de varios dos seus soportes de gravación

venres, 24 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Cada vez vemos máis evidencias do esmorecemento dos soportes físicos para contidos de audio e vídeo, e como mostra dixo temos agora o anuncio de Sony de que o mes que vén cesará definitivamente a produción de soportes de gravación de varios dos formatos creados pola propia compañía nipoa: os discos Blu-ray, os MiniDisc de son e datos e as cintas MiniDV.
Non falamos de que deixen de publicarse películas en formato Blu-ray, senón que Sony deixará de fabricar discos virxes, así como tamén abandona outros formatos máis vellos dos que é unha sorpresa que mantivese activa algunha produción de unidades.
As cintas MiniDV foron moi populares para a gravación de vídeo nos anos 90, cando tamén o MiniDisc competía nun mercado dominado polo CD. Pola súa banda, os discos Blu-ray gravables chegaron ao mercado en 2002 e, aparte de para a gravación de vídeo, tamén chegaron a ter certo uso como soporte de gravación de datos, aínda que nunca acadaron unha popularidade comparable aos CD e os DVD gravables.

O MiniDisc é un formato de gravación que non conseguiu imporse ao CD